Carol Jean e María José Caamaño, CEIPP Os Tilos e Balidea reciben os Premios Down Compostela 2026

“Ter un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos. Ter síndrome de Down non é un problema, nin unha dificultade, nin un impedimento, nin unha limitación. A limitación tena quen pensa o contrario”, asegurou o pasado venres Mónica Otero, a moza con trisomía 21 que copresentou a gala de entrega dos Premios Down Compostela, cos que a Fundación recoñeceu o traballo de Carol Jean Gillanders e María José Caamaño, do CEIPP Os Tilos e de Balidea Consulting & Programaing. Tanto Mónica Otero coma o presidente da Fundación, Juan Martínez, reclamaron “un cambio de mirada para conseguir unha sociedade máis inclusiva, máis tolerante e máis solidaria, da que todos e todas formemos parte de verdade”.

O acto celebrouse na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez; polo Reitor da USC, Antonio López, e pola deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García Vidal. Á gala asistiron máis de 300 persoas, entre as que se atopaban a directora xeral de Traballo Autónomo, Marta Mariño, e o de Familia, Jacobo Rey; as deputadas autonómicas Carmen Pomar e Iria Carreira. Tamén asistiron a concelleira de Servizos Sociais de Santiago, María Rozas; Gerardo García Alvela (Cámara de Comercio de Santiago) e  representantes dos concellos de Brión e de Porto do Son.

Na lectura do manifesto institucional polo Día Mundial da Síndrome de Down, ademais de reivindicar unha sociedade máis inclusiva, Mónica Otero reclamou os dereitos das persoas con trisomía 21 “a participar, a sentirnos parte da nosa comunidade, a que se nos trate coma persoas adultas e a facer algo máis que fotocopias nos nosos traballos”.  “Queremos tomar as nosas propias decisións, que nos deixen equivocarnos, e ser persoas autónomas e independentes. Estamos cansos de que pensen por nós, de que nos etiqueten, e de todos os prexuízos que existen sobre as persoas coa síndrome de Down”, asegurou a moza que copresentou a gala xunto a Ramón Castro, de Onda Cero.

O presidente da Fundación, Juan Martínez, reivindicou “un cambio de mirada na sociedade cara ás persoas con síndrome de Down” e discapacidade en xeral para “fixarnos nas súas capacidades, nos seus dereitos, nas súas posibilidades e no esforzo que fan cada día por superarse. Só deste xeito construiremos unha sociedade inclusiva, diversa, solidaria e avanzada na que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades”.

Ese cambio de mirada, dixo Juan Martínez, foi o que fixeron no CEIPP Os Tilos “para mudar estruturas e metodoloxías para acadar unha inclusión educativa real que beneficia a todo o alumnado”. A mirada inclusiva no cadro directivo da tecnolóxica Balidea “facilitou a contratación de Sara e Cristina, cambiándolles a vida a estas dúas mozas, que están demostrando a súa valía”. O presidente de Down Compostela destacou tamén o traballo das profesoras da USC Carol Jean Gillanders e María José Caamaño, “que levan tempo tecendo redes e pontes para que os hoxe estudantes e futuros profesionais da educación coñezan a realidade das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual” a través do proxecto CASE. “Seguro que cando eses estudantes comecen a dar clases nos colexios e nos institutos mirarán ao alumnado doutro xeito”, afirmou.

Durante a gala actuou o músico irlandés Simon Lewis, que comezou a tocar a trompa dende neno. Hoxe dá clases e traballa en Suiza, Alemaña e España e, ademais, é trompa principal da Orquesta Sinfónic de Bilbao.

 

Os premiados

Durante a entrega de premios, Irene Rodríguez-Toubes lembrou que “as cousas tamén se poden facer doutro xeito” e insistiu na reivindicación de que “debemos mirar as capacidades das persoas, e non a súa discapacidade”. Esta exalumna do CEIPP Os Tilos, ao que acudiu cos seus irmáns e veciños do barrio, recoñeceu o traballo de todo o profesorado deste colexio “e animámoslles a seguir traballando pola accesibilidade do currículo, por metodoloxías inclusivas e por unha escola para todos e todas”. Daniel Penalta entregoulla a man que simboliza os Premios Down Compostela á directora do CEIPP Os Tilos, Sofía Fernández Alonso, e á súa titora no centro, Ana María Agulla Escaneo.

Cristina Abalo asegurou que para ela e para Sara Romero traballar en Balidea “permítenos avanzar como persoas e ter unha mellor calidade de vida. Só lle podemos dar as grazas por non ter medo, por apoiarnos, por darnos a oportunidade e por confiar en nós e no equipo de Emprego con Apoio de Down Compostela. Para Sara e para min non é so un traballo. É ilusión, é forza, é autonomía que temos todos os días”, asegurou. Sara Romero entregoulle o premio a Pilar Gómez Bardanca, directora da área de Persoas de Balidea.

Pola súa banda, Carmen Romero agradeceu a Carol Jean Gillanders e a María José Caamaño o seu compromiso coa educación inclusiva e polo traballo conxunto entre a USC e Down Compostela. Tamén agradeceu a implicación do estudantado de Maxisterio que participou na elaboración do conto musicado CASE. “Cando colaboramos xuntos, todos aprendemos. Convertémonos en expertas contacontos e fixemos gozar aos máis pequenos do colexio Quiroga Palacios cando o representamos”, asegurou. Amanda Castillo e María Mirás entregáronlle o premio a Carol Jean Gillanders e a María José Caamaño.

Ir o contido