Teima Down Ferrol conmemora o Día Mundial da Síndrome de Down cun acto público e accións de sensibilización

O pasado sábado 21 de marzo celebrouse o Día Mundial da Síndrome de Down e Teima Down Ferrol quixo conmemoralo coa lectura pública do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, celebrada nas escaleiras dun Teatro Jofre iluminado de azul e amarelo, as cores representativas das entidades Down en Galicia.

O texto foi lido por Manolo e Sara, dúas persoas coa síndrome de Down membros da entidade, nun acto que reuniu a familias, amizades e representantes institucionais, entre eles o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, así como a edila de Benestar Social, Rosa Martínez.

Esta acción simbólica formou parte dunha iniciativa máis ampla na cidade, na que tamén se iluminaron as grúas de Bazán e a casa consistorial, contribuíndo a dar visibilidade á conmemoración e a reforzar o compromiso social coa inclusión das persoas coa síndrome de Down.

Ademais do acto institucional, membros de Teima Down Ferrol participaron durante estes días en diversos programas de radio, onde compartiron experiencias e reflexións arredor desta data, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía e contribuír á eliminación dos prexuízos asociados a esta alteración cromosómica.

Ir o contido