Facenda e Down Galicia prorrogan ata 2030 o convenio para apoiar a inclusión laboral de persoas con discapacidade na Administración

A Federación Down Galicia e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia asinaron o pasado venres a renovación do convenio de colaboración entre ambas entidades, que busca facilitar a inclusión laboral de persoas con discapacidade na Administración, avanzando así no camiño da inclusión.

A través desta prórroga, o convenio continuará vixente ata xullo de 2030, dando continuidade á colaboración iniciada no ano 2022 entre ambas entidades.

Tal como recolle o convenio prorrogado, a Federación asesorará á Consellería durante os futuros procesos de adaptación aos postos de traballo daquelas persoas con discapacidade intelectual que se incorporen como persoal funcionario na administración galega.

En concreto, esta colaboración céntrase no desenvolvemento tanto de accións de formación e orientación socio laboral previas ao ingreso ou ao inicio da prestación de servizos na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas traballadoras con discapacidade intelectual, como accións de apoio ao desenvolvemento no propio posto de traballo ao longo da súa carreira profesional.

Este acordo tamén inclúe a realización de talleres prácticos de intercambios de experiencias dirixidos ao persoal que realiza funcións de referencia no entorno de traballo das persoas con discapacidade.

En definitiva, o convenio dará cobertura a todo o apoio que se preste dende as entidades Down de Galicia a través da figura profesional do preparador ou preparadora laboral, en calquera posto de traballo competencia de función pública e que sexa desenvolvido por unha persoa con discapacidade intelectual.

A renovación desta colaboración consolida o compromiso compartido entre Down Galicia e a Consellería de Facenda e Administración Pública coa promoción dun emprego público máis inclusivo, accesible e adaptado ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Desde a Federación destácase esta continuidade como un avance significativo para seguir impulsando a incorporación deste colectivo á administración pública, favorecendo tanto o acceso aos postos de traballo como a súa permanencia, a adquisición de maior autonomía e o desenvolvemento profesional mediante a provisión dos apoios necesarios.

Ir o contido