O Festival PortAmérica, unha das grandes citas musicais dos veráns en Galicia, volveu converterse nun espazo para a inclusión con iniciativas que promoveron o emprego inclusivo, a participación cultural e o lecer normalizado das persoas con discapacidade. A participación de Down Pontevedra Xuntos e Down Vigo en diferentes espazos do festival permitiu dar visibilidade ao talento, á capacidade e á participación activa das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
No caso de Xuntos, tres persoas participantes no Programa de Emprego Con Apoio da entidade formaron parte do equipo de organización do festival, desempeñando diferentes postos de traballo durante todo el evento.
Ademais, unha das barras feministas do recinto levou o nome de Josefa Ortigueira Pérez, socia da entidade e referente na defensa da inclusión educativa das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.
A presenza da entidade completouse coa asistencia dun grupo de persoas usuarias do Programa de Ocio aos concertos do festival, promovendo un lecer normalizado e compartido.
Down Vigo levou “A maxia da cor” ao escenario de PortAmérica
Down Vigo tamén formou parte da programación do PortAmérica coa representación de “A maxia da cor”, un espectáculo escénico protagonizado por persoas participantes do seu servizo de Musicoterapia.
A actuación, incluída na programación do escenario Azucreira, celebrou a multitude de formas de percibir o mundo a través da música, a danza e o teatro, converténdose nunha mostra de creatividade, talento e inclusión.

Desde Down Galicia queremos agradecer a Esmerarte Industrias Creativas o seu compromiso coa inclusión laboral, a cultura inclusiva e co acceso ao ocio das persoas con discapacidade, facendo posible que edición tras edición o Festival PortAmérica sexa tamén un exemplo de participación en igualdade cun firme compromiso coa accesibilidade, a inclusión e a diversidade.