Xuntos e Club Waterpolo Pontevedra únense para promover a inclusión a través do deporte

A Asociación Down Pontevedra Xuntos e o Club Waterpolo Pontevedra asinaron a pasada semana un convenio de colaboración co obxectivo de sumar esforzos na promoción da inclusión social a través da actividade física. O acordo, rubricado polos presidentes de ambas entidades, Manuel Pérez Cabo e Alberto López Penide, reforza o compromiso compartido de impulsar o deporte inclusivo e contribuír a visibilizar a realidade das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

A colaboración permitirá desenvolver accións conxuntas de divulgación, asesoramento en materia de adaptación inclusiva e actividades de sensibilización dirixidas ás persoas deportistas e á base social do club. Ademais, o convenio parte dunha idea común: o deporte é unha ferramenta de transformación social na que os valores, o esforzo e o respecto ás persoas están sempre por riba de calquera resultado competitivo.

Neste marco, ambas entidades organizaron onte unha xornada de convivencia baixo o lema “Xuntos na auga, xuntos na vida”, que tivo lugar na Piscina da Fundación Rías do Sur, en Pontevedra. A actividade ofreceu un espazo de encontro no que compartir experiencias e demostrar que o deporte é un ámbito aberto a todas as persoas, favorecendo o lecer inclusivo, a adquisición de hábitos de vida saudables e a participación activa na comunidade.

Este tipo de iniciativas contribúen a crear contornas máis accesibles e igualitarias, promovendo a autonomía persoal, o respecto á diversidade e a práctica deportiva como unha oportunidade de benestar físico, emocional e social para todas as persoas.

Desde Down Galicia valoramos moi positivamente este tipo de colaboracións, xa que permiten ampliar as oportunidades de inclusión e participación das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. O traballo en rede entre organizacións é fundamental para derrubar barreiras e construír unha sociedade máis diversa, sensibilizada e comprometida coa igualdade de oportunidades.

Ir o contido