Gran ovación na estrea de ‘Oro líquido’, do grupo de teatro Down Compostela

 

Un ateigado Salón Teatro acolleu o pasado venres 7 de xuño a estrea da obra ‘Oro líquido’, do Grupo de Teatro Down Compostela.

Quince mozos e mozas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais recibiron unha gran ovación do público tras representar este espectáculo, baseado no relato ‘Las aceitunas’, de Lope de Rueda, e que foi adaptado polo director da obra, Lucas Herrador.

‘Oro líquido’ é un sainete que se lle ocorreu a Herrador despois de ver como un individuo con garabata intentaba explicar aos telespectadores que son e como se reparten as axudas europeas.

Para esta estrea, o grupo de teatro Down Compostela estivo ensaiando nove meses, con dúas sesións semanais nas instalacións da Fundación, ademais de preparar individualmente a súa voz e dicción con María García, voluntaria da entidade.

O elenco de rapaces e rapazas que apareceron sobre as táboas do Salón Teatro estivo formado por Teresa Fraga, Raquel Suárez, David Aldrey, Kevin Suárez, Daniel Martínez, Javier Prieto, Carmiña Romero, Marina Menéndez, Irene Rodríguez, Daniel López, Javier Cacharrón, Yasmín Malás, Alba Muíños, Elena Zas e Yone Zas; arroupados por un equipo técnico de profesionais da entidade e dirixidos por Lucas Herrador.

O cartel da obra é un deseño do artista compostelán Rafael Romero Masiá, que colabora de forma desinteresada cada ano na creación do mesmo.

 

Grupo de Teatro Down Compostela

Nunha longa traxectoria que supera xa os dez anos, o Grupo de Teatro Down Compostela conseguiu galardóns como o Premio do Público na Mostra de Teatro de Rianxo de 2017.

‘Oro líquido’ é a súa décimo terceira produción, despois de ‘A pantalla máxica’ (Teatro Principal, 2023),’Todos os camiños levan a Santiago’ (Salón Teatro, 2019),‘La mansión de José Cruz’ (2018), ’Arturo, Arthur, Artur’ (Salón Teatro, 2017), ‘Búscame a este tipo’ (Salón Teatro, 2016), ‘Solo ante la Peligros’ (Salón Teatro, 2015), ‘Alicia en el país de las maravillas’ (Auditorio de Galicia, 2009), ‘Esopo y sus fábulas’ (Sala Nasa, 2010), ‘Romeo y Julieta’ (Sala Nasa, 2011), ‘Fuenteovejuna’ (Salón Teatro, 2012), ‘Bodas de sangre’ (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2013) e ‘Las pruebas de Hércules’ (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2014).

Ir o contido