Persoas usuarias de entidades Down de Galicia colaboran coa limpeza dos ríos da nosa comunidade

 

Nos últimos meses, mozos e mozas de varias entidades Down de Galicia están a colaborar en distintas accións medioambientais, demostrando deste xeito que as persoas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais tamén poden ser voluntarias e contribuír de xeito activo na mellora da súa contorna.

 

Down Vigo participa no programa “Mares Circulares”

Por un lado, persoas usuarias de Down Vigo uníronse ao RC Celta e a Coca-Cola para participar nunha xornada de recollida de residuos no río Lagares ao abeiro do programa “Mares Circulares”, que este 2024 cumpre sete anos.

Entre todas as persoas voluntarias, recolleron un total de 370 quilos de lixo, que posteriormente foi clasificado pola Asociación Chelonia para o seu reciclado. Ademais, todos os datos obtidos serán recollidos, analizados e incorporados na base de datos do proxecto.

Roberto Campo, director xerente de Down Vigo, agradeceu “a oportunidade que brinda esta iniciativa ás persoas usuarias da entidade para ser parte activa da sociedade grazas ao voluntariado e poder así achegar valor engadido á cidade”.

 

Down Lugo e o “Proxecto Ríos”

Pola súa banda, Down Lugo tivo a oportunidade de participar no “Proxecto Ríos”, realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) en colaboración coa UNED de Lugo.

Esta iniciativa, xurdida no ano 2005, ten como obxectivo destacar a importancia da conservación da biodiversidade dos ríos, e permite ás persoas participantes analizar varios parámetros para estudar o río: a calidade da auga, o caudal, o estado do hábitat da ribeira e a presenza de especies invasoras de fauna e flora, entre outros.

Así, un grupo de oito persoas usuarias de Down Lugo desprazáronse ata o barrio Tolda de Castela de Lugo, onde da man de Ramsés Pérez, coordinador do proxecto, desfrutaron dunha agradable mañá á beira do río Miño. Nesta visita puideron participar na recollida e identificación de macro-invertebrados e coñeceron a diversidade e calidade biolóxica dese tramo do río ao realizar un pequeno censo das especies de flora e fauna.

Ir o contido