Persoas usuarias da asociación Down Lugo saen á rúa a reclamar os seus dereitos polo Día Mundial da Síndrome de Down

 

 

Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, mozos e mozas da asociación Down Lugo alzaron a súa voz na mañá de onte para dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, co que quixeron reivindicar o seu dereito a vivir a vida que elas mesmas elixan.

“Temos os mesmos dereitos, pero non as mesmas oportunidades”, dicía ben alto e ben claro Carlota Mosquera e Carla Pereira, dúas mozas da entidade. “Queremos que se fagan medidas para que poidamos acceder á educación, ao emprego e a ter unha vida mellor”.

Deste xeito, os mozos e mozas da asociación encargáronse de desbotar mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down, e reivindicaron unha vez máis os seus dereitos como cidadáns e cidadás de pleno dereito, incidindo na importancia da inclusión e da eliminación das barreiras existentes na contorna.

Previamente á lectura do manifesto, as persoas usuarias da entidade realizaron unha performance que tivo como eixo central a obra de teatro 21/3. Esta peza trata de achegar, en primeira persoa, as inquedanzas e vivencias dun grupo de persoas, ás veces descoñecidas por ter simplemente un cromosoma de máis no par 21.

Ademais destas dúas accións, a entidade colocou  unha exposición fotográfica na mesma Praza Maior da cidade, que tiña como obxectivo dar visibilidade ás capacidades das persoas coa síndrome de Down, así como poñer de manifesto a falta de oportunidades existentes na contorna laboral ordinaria, así como un photocall para inmortalizar unha xornada chea de reivindicacións en primeira persoa.

Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Lugo e o movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.

Ir o contido