Down Vigo celebra o II Desfile Inclusivo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down

 

Down Vigo conmemorou o Día Mundial da Síndrome de Down con varias iniciativas para dar visibilidade á inclusión real e romper os estereotipos que, aínda a día de hoxe, permanecen na sociedade.

Así, durante a tarde do venres 22 de marzo celebrouse o II Desfile Inclusivo, en colaboración con Decathlon e coa participación do colectivo Discamino. Esta iniciativa solidaria, que busca sensibilizar acerca da diversidade, o deporte e o traballo en equipo, tivo lugar no escenario Vigo Exporta do centro comercial Vialia.

Con esta iniciativa, persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e motoras compartiron pasarela con persoas traballadoras de Decathlon, para amosar, entre todas, que todo tipo de deporte pode ser unha ferramenta de desenvolvemento individual e colectivo. “Queremos estar na sociedade como una persoa máis, normalizar a nosa presenza en calquera evento”, explican as persoas participantes de Down Vigo.

Na pasarela amosáronse coleccións para todo tipo de deportes, dende a caza e a pesca ata o ximnasio ou as artes marciais.

Ademais desta acción de sensibilización, durante toda a semana Down Vigo organizou diversas iniciativas en centros educativos da cidade, como unha charla co alumnado do Colexio Mariano ou unha sesión deportiva conxunta co CPR Santa Cristina.

Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Vigo e o movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.

Ir o contido