Administracións, medios de comunicación, ámbito educativo e Renfe colaboran na difusión do Día Mundial da Síndrome de Down

 

Os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia conmemoraron o Día Mundial da síndrome de Down. A Cidade da Cultura, a ponte das correntes en Pontevedra e a ponte romana de Ourense, o Teatro Jofre e a fonte do Cantón de Molíns en Ferrol, as casas do concello de Ferrol, Lugo e Pontevedra e a antiga sede da administración local en Santiago de Compostela, as Fontes da Rúa Aragón en Vigo e os edificios das Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo estiveron iluminados de azul e amarelo na tarde-noite do 20 e do 21 de marzo.

 

Visibilidade nos trens galegos

Un ano máis, Renfe colabora coa Federación Down Galicia con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down. A Operadora colocou máis de 2.700 tarxetóns nos repousacabezas dos trens de Servizo Público que circulan polas vías galegas, ademais de difundir cartelería da conmemoración nas principais estacións, para dar así visibilidade ás persoas coa síndrome de Down”.

 

Implicación dos medios de comunicación galegos

Un ano máis, os principais medios de comunicación do país quixeron implicarse na visibilización das persoas coa síndrome de Down co gallo do 21M.

Televisións, radios e xornais impresos e dixitais deron cobertura aos eventos realizados pola Federación e as súas entidades, ademais de producir reportaxes e diferentes entrevistas.

Ademais, 14 dos principais xornais galegos colaboraron tamén co Departamento de Comunicación de Down Galicia para apoiar as súas campañas. Moitos deles publicaron un anuncio de sensibilización na súa versión impresa, mentres outros, coma Nós Diario, realizaron cobertura sobre as demandas realizadas neste Día Mundial.

 

Participación de centros educativos e universidades

Universidades e centros educativos galegos tamén quixeron colaborar na difusión deste Día Mundial da Síndrome de Down.

Deste xeito, as tres principais universidades galegas, USC, UVigo e Universidade da Coruña, difundiron o vídeo e a cartelería da campaña da Federación Down Galicia en moitas das pantallas das súas facultades. Ademais, enviaron tamén información por correo electrónico sobre a síndrome de Down e o labor de Down Galicia a gran parte do seu alumnado e profesorado.

Por outra banda, decenas de centros educativos quixeron participar na campaña #ExtraCapacitados en redes sociais, subindo fotografías co signo ‘ok’.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola súa banda, enviou a tódolos centros educativos galegos información facilitada pola Federación, na que se achegaban recursos cos que poder traballar a realidade da síndrome de Down nas aulas.

 

Desde a Federación agradecemos a todos e todas elas a súa fundamental colaboración para a eliminación dos prexuízos asociados á síndrome de Down.

Ir o contido