A Consellería de Política Social e Igualdade financia o mantemento de Down Galicia e os seus programas de autonomía persoal

 

A Xunta de Galicia contribúe ao financiamento do mantemento e das actividades do servizo para a promoción da autonomía persoal que Down Galicia desenvolve durante este ano 2024. Mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Federación, promóvense os programas orientados especificamente a favorecer a autonomía e a inclusión socio laboral das persoas coa síndrome de Down, atendendo á experiencia, equipo humano e medios dos que dispón Down Galicia para desenvolver a atención requirida.

Este convenio nominativo, que achega á Federación un millón douscentos sete mil seiscentos oito euros (1.207.608,00€), ten por obxecto contribuír ao financiamento por parte da Consellería de Política Social e Igualdade dos gastos de persoal e gastos correntes da Federación e das súas entidades asociadas para este exercicio, así como doutros gastos derivados da execución de actividades, programas e servizos de promoción da autonomía persoal e de prevención e atención á dependencia que desenvolve Down Galicia.

Con este acordo promóvense os programas orientados a favorecer a autonomía e a inclusión de 786 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais ao longo da súa vida, beneficiando tamén de xeito indirecto aos seus 2.358 familiares e á sociedade co apoio e orientacións aos diferentes axentes sociais públicos e privados.

Os servizos de Down Galicia e das súas entidades están organizados en diferentes áreas de atención, que comprenden todo o ciclo vital das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, centrándose este convenio nas áreas de atención temperá, formación e emprego e vida adulta e independente, entre outras.

Down Galicia, na súa de condición de Federación, presta apoio ás entidades membro que traballan na atención ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias dende unha perspectiva global, mellorando así a súa autonomía persoal e as súas condicións de vida e favorecendo a súa inclusión na sociedade galega.

Ir o contido