A Federación Down Galicia reunirá en Santiago a toda a comunidade educativa para reflexionar sobre o futuro da educación

  • O Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas” celebrarase os días 24 e 25 de outubro no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela
  • O encontro contará con varios relatorios impartidos por profesionais de prestixio, así como con estratexias innovadoras compartidas por centros educativos galegos e estatais e experiencias de familias e alumnado
  • O Congreso preséntase como unha cita clave para repensar o sistema educativo galego desde a perspectiva da inclusión e os dereitos humanos
  • As prazas son limitadas e o prazo de inscrición remata o luns 6 de outubro de 2025

 

Os días 24 e 25 de outubro, a cidade de Santiago converterase no epicentro do debate sobre educación inclusiva coa celebración do Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas”, organizado pola Federación Down Galicia.

Durante dúas intensas xornadas, profesionais de renome a nivel estatal como Gerardo Echeita, Coral Elizondo e Antonio Márquez compartirán coñecementos e experiencias arredor da escola inclusiva, abordando cuestións clave como o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), a neurodiversidade ou os retos da participación social.

O Congreso contará tamén coa participación de Nuria Aparicio, vicepresidenta da asociación Solcom, e do avogado Juan Rodríguez Zapatero, referente na defensa do dereito á educación inclusiva. Ademais, haberá espazo para mesas de experiencias nas que centros educativos de Galicia e outras partes de España, alumnado e familias compartirán situacións e boas prácticas postas en marcha no sistema educativo.

A apertura institucional terá lugar o venres 24 ás 16:30 horas e incluirá a conferencia inaugural “Cumpre o sistema educativo español coa Convención?”, na que Nuria Aparicio dará conta da situación actual da educación en España. Ese mesmo día, Rodríguez Zapatero intervirá cun relatorio sobre a evolución da xurisprudencia en materia de educación inclusiva e moderará unha mesa de experiencias protagonizada por alumnado e familias. Ademais, as persoas participantes poderán desfrutar dunha mesa redonda sobre a realidade da educación inclusiva en España, na que participarán representantes das distintas administracións, así como os relatores Juan Rodríguez Zapatero e Nuria Aparicio.

A segunda xornada, o sábado 25, estará dedicada ás conferencias de Gerardo Echeita, Coral Elizondo e Antonio Márquez e ás experiencias de centros educativos que camiñan cara modelos máis inclusivos. Así, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man iniciativas de éxito levadas a cabo nas diferentes etapas educativas de varios centros escolares galegos, así como a importancia da perspectiva de centro para construír unha escola para todos e todas. A última intervención do día correrá a cargo do CEE Asprona de Almansa (Albacete), que compartirán a súa experiencia e o seu esforzo para reconverterse nun centro de recursos para a escola ordinaria, coa fin de contribuír, desde o seu coñecemento, experiencia e boas prácticas, á transformación dos centros de educación especial cara a escola inclusiva.

 

Un espazo de encontro e reflexión colectiva

Nun momento no que os retos sociais e educativos se fan cada vez máis visibles, é urxente reflexionar, compartir experiencias e construír estratexias comúns que garantan unha educación de calidade para todo o alumnado. É por iso que este congreso está pensado como un espazo de encontro, diálogo e formación arredor da realidade da educación en Galicia e dos desafíos que supón acadar unha inclusión educativa real.

O evento, homologado pola Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, está dirixido fundamentalmente a profesorado, equipos directivos e de orientación de centros educativos de Galicia, pero tamén a estudantes, familias e a todas aquelas persoas interesadas en avanzar cara unha educación máis equitativa e participativa.

A asistencia a este congreso, que conta con prazas limitadas, é gratuíta e precisa de inscrición previa. O prazo para levar a cabo esta inscrición remata o luns 6 de outubro de 2025 e poderá facerse a través da web www.congreso.downgalicia.org.

Ir o contido