Emprego Con Apoio abre portas este verán a persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual en empresas galegas

As entidades que forman parte da Federación Down Galicia celebran este verán un feixe de insercións laborais que amosan, unha vez máis, que o programa de Emprego Con Apoio é unha vía sólida para fomentar a inclusión, derrubar prexuízos e abrir portas a proxectos de vida máis autónomos.

 

En Down Vigo, Flor asinou o seu primeiro contrato indefinido como persoal de limpeza no centro de adestramento persoal .activ Vigo. Especializada en limpeza, e con experiencia previa en postos de atención ao público, afronta esta nova etapa con moita seguridade: encárgase de manter impecables as instalacións tres días á semana, compatibilizando o traballo coa súa participación en programas formativos de Down Vigo. Para ela, o mellor desta oportunidade é “poder gañar cartos e, quen sabe, algún día vivir de forma independente”.

 

En Down Lugo, Laura transformou un mes de prácticas no Gran Balneario de Guitiriz —do grupo Iberik Hoteles— nun contrato laboral. A súa implicación e bo facer fixeron posible que se convertese en parte do equipo, vivindo unha experiencia que describen como moi satisfactoria para todas as partes.

 

En Down Ourense, Esteban incorporouse á Estación de Servizo Petronor – Repsol de Ribadavia. Esta contratación enmárcase no convenio estatal entre Down España e Repsol, que aposta por postos de traballo reais, con responsabilidades claras e formación práctica no día a día.

 

En Down Coruña, Adela e Cristina tamén se beneficiaron do convenio con Repsol. Este verán traballan en diferentes estacións de servizo realizando tarefas esenciais como reposición de produtos, mantemento e limpeza de espazos, revisión de baños e xestión de residuos.

 

Finalmente, tamén en Down Coruña, Diego Martínez vén de iniciar unha nova etapa como conserxe no Centro Cívico de Santa Lucía, grazas á colaboración de A Billarda S.L. Diego traballa de forma totalmente autónoma, responsabilizándose do mantemento e atención das persoas usuarias do centro. Ademais, compaxina este emprego coa preparación para as oposicións, demostrando constancia e visión de futuro.

Desde Down Galicia, agradecemos a todas as empresas implicadas, grandes compañías e pequenos negocios, o seu compromiso coa inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

 

Máis de 20 anos coa metodoloxía Emprego Con Apoio

As entidades Down en Galicia comezaron no 2002 a desenvolver o programa Emprego Con Apoio, creado para dar resposta ás necesidades e barreiras que atopan as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais no acceso ao mercado laboral ordinario. O modelo baséase nun sistema estruturado de apoios, guiando ás persoas durante todo o proceso de inserción e garantindo unha incorporación efectiva ao posto. O preparador ou preparadora laboral ofrece formación específica no lugar de traballo, favorecendo a aprendizaxe das tarefas, a interacción social e a integración natural co equipo.

O obxectivo é proporcionar recursos e apoios que lles permitan participar no mercado laboral en igualdade co resto da cidadanía, favorecendo a estabilidade profesional e a inclusión social. Polos seus resultados, esta metodoloxía consolidouse como unha fórmula eficaz para colectivos con máis dificultades de inserción, sendo unha alternativa real ás opcións de emprego protexido, que teñen un enfoque asistencial e non transformador.

 

A importancia da inclusión laboral

Nun contexto social cada vez máis diverso, a inclusión laboral é unha prioridade para empresas e administracións que buscan garantir igualdade de oportunidades para todas as persoas e fomentar a diversidade. Ademais de mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, a contratación inclusiva achega beneficios ás empresas: incrementa a creatividade, a innovación, a produtividade e mellora o clima laboral.

Por riba de todo, o emprego inclusivo é unha vía para que estas persoas gañen en responsabilidade, autoestima, actividade, sociabilidade e autonomía persoal. Non se trata só dun contrato, senón dun proceso que repercute positivamente tanto no desenvolvemento individual como no conxunto da sociedade.

Ir o contido