Down Coruña presenta unha exposición sobre o seu programa Ecofriendly de formación ambiental

Dende o 1 de agosto, a clientela do hipermercado Alcampo da Coruña pode desfrutar dunha exposición moi especial: 25 fotografías que recollen a participación de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual no programa Ecofriendly de Down Coruña, unha iniciativa de educación ambiental que combina formación, compromiso e inclusión.

A mostra, instalada ao longo da liña de caixas, poderá visitarse durante todo o mes e amosa actividades tan diversas como compostaxe, limpezas de praias, obradoiros de alimentación saudable ou produción ecolóxica. Pequenas accións que teñen un gran impacto: tanto na contorna como na vida das persoas protagonistas, que se forman como futuras axentes medioambientais e reclaman o seu espazo nos empregos verdes.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración da entidade coa Fundación Auchan, unha alianza que aposta pola sostibilidade con enfoque social e que leva anos promovendo accións conxuntas. A exposición non só serve para visibilizar o traballo feito, senón que tamén foi un punto de encontro: durante a súa montaxe, varias persoas traballadoras de Alcampo achegáronse a recoñecerse nas imaxes e compartir a experiencia vivida.

Ecofriendly forma parte da área de Formación e Emprego de Down Coruña e está dirixido a persoas con maiores necesidades de apoio. A través de formación adaptada e experiencias prácticas en contornas reais, como o propio hipermercado, as persoas participantes adquiren coñecementos técnicos e sociais clave para o seu futuro laboral.

Ir o contido