Aberto o prazo para participar no concurso de postais de Nadal de Down Lugo

A Asociación DOWN LUGO convoca o XVI Concurso Autonómico de Postais de Nadal dirixido a persoas coa síndrome de Down. O obxectivo deste concurso é fomenta-la participación das persoas coa síndrome de Down en actividades culturais e espertar o seu interese polo mundo da pintura.

As bases serán as seguintes:

  1. Poderán participar persoas coa síndrome de Down da Comunidade Autónoma de Galicia de calquera idade.
  2. O tema obrigatorio será “O Nadal”.
  3. Estilo libre e técnica de debuxo realizada con calquera procedemento a unha ou varias cores. Farase constar ó dorso o nome, a idade, o número de teléfono e o enderezo do autor/a ou do centro que o remite.
  4. Formato: os traballos presentaranse sobre cartolina tamaño Din A-4.
  5. Haberá tres premios para os autores/as das postais gañadoras consistentes en:

–   1º premio: Tarxeta regalo Decathlon de 100 €.

–   2º premio: Tarxeta regalo Decathlon de 75 €.

–   3º premio: Tarxeta regalo Decathlon de 50 €.

Todas as persoas que concorran recibirán un diploma que acredite a súa participación neste certame.

  1. O Xurado estará formado pola Presidenta da Asociación, un representante do Concello, outro da Deputación Provincial de Lugo e unha persoa relacionada co mundo da cultura lucense. A súa decisión será inapelable.
  2. O prazo de entrega dos traballos para optar ó premio rematará o día 15 de decembro de 2017 sendo este o último día de admisión das obras.

Os traballos enviaranse por correo postal (Asociación DOWN LUGO – R/ Miguel de Cervantes 34, baixo, 27003 LUGO) ou entregaranse no enderezo sinalado de 10 a 14 h. e de 17 a 20 h.

  1. Os traballos serán expostos posteriormente nos locais da Asociación.
  2. Cos traballos premiados poderanse elaborar tarxetas de Felicitación do Nadal do ano 2018, quedando estes en propiedade da Asociación DOWN LUGO.
  3. A participación neste concurso implica a aceptación destas Bases.

 

Por outra banda, todo aquel que o desexe, poderá adquirir postais de Down Lugo para felicitar este Nadal. Por un prezo moi axustado poderá dispoñer dunhas felicitacións de Nadal de excelente calidade e co valor engadido de contribuír ó desenvolvemento de programas para persoas con discapacidade.

Catálogo e máis información

Ir o contido