Deporte e medio ambiente no comezo do verán de Down Coruña

Os mozos e mozas da asociación Down Coruña levan varias semanas sen parar de realizar actividades no seu tempo libre.

Esta semana, unha vintena de rapaces e rapazas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais achegáronse á práctica do rugby da man do club CRAT Coruña e gozaron dun plan diferente, saudable e participativo.

Durante dúas xornadas, ex-xogadores e monitores do club, e mesmo xogadoras profesionais en activo do equipo feminino, ensináronlles no parque de Eirís en que consiste este deporte. Así, puideron coñecer o balón, aprender a dar os primeiros pases cara atrás e, para finalizar, xogar un partido.

Desde as entidades Down de Galicia defendemos a importancia de incorporar actividade física e hábitos de vida saudables no día a día das persoas usuarias.

 

Xornada de limpeza na praia de Sabón

A pasada semana, un grupo de socios e socias da entidade participaron, da man de We Sustainabitily, nunha xornada de limpeza na praia arteixana de Sabón.

O día comezou con varias explicacións dos monitores da entidade organizadora, coa que se pretendía concienciar ás persoas asistentes da importancia de coidar o medio ambiente e, máis concretamente, as praias.

Xuntos procederon a recoller lixo e plásticos no areal e debateron sobre como ese tipo de residuos chegan ata alí.

A sesión concluíu cunha clase de surf a cargo da escola de surf de Caión, co obxectivo de que as persoas participantes desfruten do mar e da súa contorna.

Ir o contido