Alemao entrega a mozos e mozas de Down Compostela carnés de abonado para ver os partidos do Santiago Futsal

Santiago Futsal, club compostelán que milita na División de Honra do fútbol sala español, elixiu as instalacións da Fundación Down Compostela para presentar como os primeiros embaixadores da entidade a dous históricos do club, o xogador hispano brasileiro Alemao e o adestrador salmantino Tomás de Dios. Tras a presentación, Alemao entregou a mozos e mozas de Down Compostela un paquete de carnés de abonados para que poidan presenciar os partidos de liga do equipo compostelán durante esta tempada. Alemao, que comprou persoalmente o paquete de abonados para axudar ao Futsal, repetirá esta mesma actuación con Cáritas e Cruz Vermella. O presidente do Santiago Futsal, Ramón García, cualificou o acto como “o máis especial desde que son presidente, porque Alemao (que gañou aquí Copa, Supercopa e Recopa) e Tomás, aparte de dous grandes profesionais, son dúas moi boas persoas que levan ao noso club e os seus valores por todo o mundo” O presidente de Down Compostela Juan Martínez, que estivo acompañado por Elías Ledo Vázquez, agradeceu a Ramón García que o Santiago Futsal pensara en Down Compostela para presentar aos primeiros embaixadores do club, e recordou que na Fundación hai un nutrido grupo de seguidores do fútbol sala. Ao mesmo tempo deu as grazas a Alemano por “ceder os abonos aos mozos e mozas seguidores do Santiago Futsal”, o que lles permitirá ver os partidos que xoguen na casa sen “que isto supoña un custe adicional para moitas familias que o están pasando mal nestes momentos, xa que, ademais de facer fronte á crise económica, esfórzanse por axudar a unha persoa con discapacidade enuna época de recortes”.

Ir o contido