As entidades Down de España lanzan a campaña #ExtraCapacitados para o Día Mundial da Síndrome de Down

 

Achégase  o Día Mundial da Síndrome de Down -21 de marzo- e este ano, desde a Federación Down España e o resto de entidades Down do país, aproveitamos unha data tan sinalada para o noso colectivo para reivindicar máis oportunidades de emprego para as persoas coa síndrome de Down.

Despois de moitos meses de traballo, presentamos a campaña #Extracapacitados. Un vídeo no que o humor e a ironía son protagonistas, e cuxo mensaxe se centra en que as persoas coa síndrome de Down están ‘extracapacitadas’ para aproveitar as oportunidades laborais.

#EXTRACAPACITADOS

 

Segundo un informe de European Down Syndrome Association (EDSA), o 95% das persoas coa síndrome de Down non consegue traballo. Por iso, a través desta campaña tan innovadora, buscamos chamar a atención sobre algunhas das barreiras ás que se enfrontan as persoas coa síndrome de Down cando buscan emprego.

No noso anuncio presentamos o traballo da ‘Extraconsultoría’, unha consultora ficticia na que traballan persoas coa síndrome de Down asesorando a persoas que non atopan traballo. Como explica Rosa, a CEO desta peculiar empresa, as persoas coa síndrome de Down son expertas no rexeitamento laboral, polo que son as mellores consultoras para este asunto.

En ton de humor, os protagonistas do anuncio reivindican un cambio do panorama laboral ao que tentan acceder as persoas coa síndrome de Down, algo que desde as entidades Down de España consideramos posible co compromiso da sociedade, os empresarios e empresarias e as familias das persoas coa síndrome de Down.

Pero tamén queremos aproveitar esta campaña para agradecer o labor das empresas que SI apostan pola inclusión e garanten o dereito ao emprego, así como ás familias de persoas coa síndrome de Down que as apoian e animan a ser máis autónomas e independentes.

Para esta campaña contamos un ano máis co inestimable traballo e compromiso do equipo da axencia creativa Contrapunto BBDO e coa produtora Blank Films.

 

#Extracapacitados nas redes sociais

Un ano máis, desde Down España e as súas entidades, queremos que a sociedade se sume á nosa campaña e mostre o seu apoio ás persoas coa síndrome de Down. Para iso, poñeremos en marcha unha potente iniciativa en redes sociais baixo o hashtag #ExtraCapacitados, que esperamos chegue a facerse viral.

Por unha banda, pedimos que todo o mundo se una á campaña cun selfie facendo o xesto: OK. Outra maneira de unirse, dirixida a quen coñece a unha persoa coa síndrome de Down, é compartindo un vídeo xunto a esa persoa explicando por que está ‘extracapacitada’ para traballar (actualmente ou no futuro). En ambas as opcións pedimos que se utilice o hashtag #ExtraCapacitados e se etiquete a Down España.

Únete a nós e axúdanos a lograr unha sociedade máis inclusiva!

Ir o contido