A pasada semana, nun recuncho cheo de ganas e creatividade no exterior do mercado de San Agustín da Coruña, inaugurouse Carmelamola, a tenda física de Carmela Álvarez Rodríguez, unha moza de 23 anos con síndrome de Down que levou a súa paixón polos abelorios a un negocio que xa é referente en toda España.
Carmela comezou a facer bixutería para traballar a súa motricidade fina, pero o éxito das súas pezas entre as súas amizades e familiares fíxolle dar o salto á venda en liña. O que empezou como un hobby converteuse nun negocio apoiado polo selo Artesanía de Galicia, grazas á orixinalidade e calidade dos seus deseños.
Cun logotipo único que simboliza os seus tres cromosomas, as pezas de Carmelamola non só destacan pola súa estética, senón tamén pola historia de esforzo e superación que representan.
As súas pezas, que xa se distribuíron por toda España, contan cunha gran acollida en redes sociais, onde Carmela reuniu a miles de seguidores e seguidoras. Tamén participou en diversos eventos como o Mercado das Nubes e o Festival de la Luz, ampliando o alcance do seu traballo. Ademais, algunhas das súas coleccións pódense atopar en farmacias, un paso máis na expansión da súa marca.
Un espazo propio en San Agustín
Coa apertura da súa tenda no mercado de San Agustín, Carmela dá un paso máis cara á consolidación do seu soño. Este novo espazo está dedicado exclusivamente ás súas pezas, permitindo á clientela gozar en directo da delicadeza dos seus complementos. Cada deseño é unha proba do talento de Carmela e un recordatorio de que as barreiras poden superarse con traballo, paixón e determinación.
Desde Down Galicia sentímonos moi orgullosos e orgullosas polo logro de Carmela. Cada paso que dá é un exemplo de constancia, ilusión e creatividade, valores que inspiran a toda a sociedade.
Ademais, desde Down Coruña cóntannos que Carmela estase a converter nunha verdadeira inspiración para os seus compañeiros e compañeiras de asociación. Hai apenas uns días, unha usuaria dos servizos de emprego compartiu coa coordinadora de área o seu desexo de emprender, motivada polo exemplo de Carmela. O seu esforzo, a súa determinación e o seu entusiasmo non só transformaron a súa vida, senón que están a sementar soños en quen a rodea.
Carmela espéravos na súa tenda de San Agustín! E se non podedes achegarvos ata A Coruña, as súas pezas están ao alcance de todas as persoas que o desexen a través da súa páxina web: https://carmelamola.com/