Celebrada unha nova edición do Campionato de Baristas Down de Galicia

 

Varios mozos e mozas da Fundación Down Compostela e a Asociación Down Vigo participaron na tarde de onte no VIII Campionato de Baristas Down de Galicia que organizaron Cafento e as dúas entidades no Pazo de Adrán (Teo).

O equipo Iku Down, formado por mozos e mozas da Fundación Down Compostela, conseguiu o premio ao mellor capuccino, mentres que o equipo Los Cafeínos, de Down Vigo, logrou vencer nas categorías de mellor espresso e combinado frío sen alcol con base de café.

Vanessa, Manuel, Irene, Patricia, Kevin e David integraron o equipo Iku Down, mentres que en Los Cafeínos participaron Andrea, Diego, Rosana, Samu, Pedro e Víctor. Ante un público formado por unhas sesenta persoas, os mozos e mozas prepararon dous espressos, dous cappuccinos e un combinado frío.

David Sangiao e Tamara Rey, os dous xuíces profesionais que avaliaron o traballo dos dous equipos, destacaron o “excelente traballo e dedicación” de tódalas persoas participantes no VIII Campionato de Baristas Down de Galicia.

Os e as integrantes dos dous equipos recibiron oito horas de formación por parte de profesionais de Cafento. Diego López foi o formador do equipo de Down Compostela nas instalacións da marca no Polígono do Tambre e Alba Rodríguez foi a preparadora de Down Vigo na sede da Asociación viguesa.

 

Sobre os Campionatos Baristas Down

Os Campionatos Baristas Down son unha iniciativa pioneira no mundo da empresa cafeteira Cafento (en Galicia máis coñecida polas súas marcas Cafegal, El Gallego e El Trópico), que consiste en levar as competicións entre profesionais expertos na cultura do café de calidade ás persoas coa síndrome de Down.

O primeiro Campionato Barista Down desenvolveuse en Galicia no ano 2012, sendo coorganizado pola Fundación Down Compostela co obxectivo de visibilizar o traballo das persoas coa síndrome de Down e as súas posibilidades de integrarse no mercado laboral como baristas. En 2013 celebrouse a súa segunda edición contando nesta ocasión, ademais, coa participación da Asociación Down Vigo. En 2014, ao decano certame galego sumáronse os Campionatos Baristas de Andalucía, Asturias e a Región de Murcia. En 2015 Cafento promoveu a celebración dos Campionatos Baristas Down de Comunidade Valenciana, Andalucía e Asturias; e en 2018 en Madrid e Región de Murcia.

En 2019 tivo lugar en Vigo o XIII Campionato Nacional de Baristas. Tres xornadas repletas de diferentes competicións profesionais que, por primeira vez, incluíron un campionato para persoas con discapacidade intelectual. Desta maneira, Fórum Café celebrou a primeira edición do Campionato  Barista Down integrado na categoría profesional, onde mozas e mozos de Down Compostela e Down Vigo competiron ante a presenza de xuíces homologados.

Grazas a estes certames, máis dun centenar de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, de toda España, puideron formarse como especialistas no mundo do café. Deles, case unha trintena tivo ocasión de realizar prácticas laborais en diversos tipos de establecementos de hostalería.

Varias das persoas participantes nos diversos campionatos foron contratadas de modo temporal pola propia Cafento que, ademais, contratou de maneira indefinida a dous dos participantes na primeira edición do Campionato Barista Down de Andalucía (2014), para a súa sede en Córdoba.

Pero, máis aló de pretender contribuír á inserción laboral, e consecuente autonomía das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, os Campionatos Down queren ser unha oportunidade para visibilizar a este colectivo como persoas diferentes, pero perfectamente capaces.

Ir o contido