A pasada semana tivo lugar en Viseu (Portugal) a segunda reunión presencial do proxecto europeo ARISE – A moRe IncluSive Education – do que forma parte a Federación Down Galicia, xunto coa Fondazione per la Coesione Sociale e Limeup (Italia) e a Associação Grão Vasco e o Agrupamento de Escolas Grão Vasco (Portugal). Durante tres días, cinco profesionais vencellados a entidades Down participaron nas actividades organizadas pola Associação Grão Vasco, a entidade anfitrioa, coas que puideron coñecer de primeira man como funciona o sistema educativo portugués.
Este encontro deu comezo o mércores 22 de xaneiro cunha xornada de presentación do proxecto e das entidades socias á comunidade educativa de Viseu, así como a posta en común de boas prácticas inclusivas das escolas da contorna. O día finalizou coa intervención dun pai dun mozo con parálise cerebral, que afondou no que desde hai anos se defende desde as entidades Down: a importancia de que o profesorado crea nas capacidades do seu alumnado, máis alá de calquera etiqueta.
A xornada do xoves incluíu as visitas á Escola Básica Grão Vasco e a Escola Básica da Ribeira, sede do Centro de Recursos CRTIC Viseu-ICT, onde as entidades socias do proxecto puideron observar as ferramentas dixitais e sistemas aumentativos e alternativos de comunicación que facilitan a aprendizaxe do alumnado dos centros educativos ordinarios.
Xa pola tarde, tivo lugar o primeiro encontro internacional online, no que participaron máis de 150 persoas (profesorado, autoridades públicas e familias) dos tres países involucrados no proxecto e que serviu para compartir e coñecer as realidades educativas dos seus territorios. A pesar de que a lexislación de cada estado é diferente, xa que España aínda conserva a 41.000 alumnos e alumnas matriculados en centros de educación especial mentres que Italia e Portugal xa eliminaron os centros segregados hai varias décadas, as principais demandas son semellantes nos tres países, destacando a falta de profesorado e de recursos.
O último día estivo centrado en dúas novas visitas: a Escola Básica do Barrio Municipal de Viseu e a Escola Secundária Viriato. Desta forma, a delegación de Down Galicia puido observar como organizan en Portugal os catro niveles do seu sistema educativo, desde preescolar ata a educación secundaria.
Estes momentos foron fundamentais para promover o intercambio de experiencias e identificar desafíos comúns, reforzando o compromiso con unha educación máis inclusiva e accesible para todos e todas.
En palabras de Alberto Bello, coordinador de inclusión educativa de Down Coruña e un dos representantes da Federación Down Galicia nesta experiencia, “a visita permitiunos comprobar como Portugal conseguiu o que en España é aínda unha materia pendente: a escolarización de todo o alumnado en centros ordinarios”. Bello destaca que “oportunidades coma esta dannos ferramentas para seguir traballando por unha educación verdadeiramente inclusiva na nosa comunidade”.