DOAZÓN PERIÓDICA
DOAZÓN OCASIONAL :: COLABORA COMO EMPRESA

 

TESTAMENTO SOLIDARIO

Apoia unha boa causa sen prexudicar aos herdeiros e herdeiras lexítimas

Un testamento solidario é un sinxelo acto de liberdade, que consiste en incluír a unha ou varias ONG entre as beneficiarias dunha herdanza, de maneira en que non prexudique en ningún caso aos herdeiros ou herdeiras lexítimas. As ONG non están suxeitas ao Imposto de Sucesións, polo que a doazón chega de maneira íntegra.

Aconséllase facer testamento para decidir o destino dos teus bens e dereitos e protexer así os intereses dos teus herdeiros ou herdeiras. Se non o fas será a lei quen determine quen son as persoas herdeiras forzosas e, na súa ausencia, a herdanza pasará a disposición das administracións.

 

Prexudico aos herdeiros ou herdeiras lexítimas ao facer un testamento solidario?

Non. A lei ampara as persoas consideradas lexítimas herdeiras facendo unha obrigada división da herdanza que as protexe.

Deste xeito, sempre hai unha parte da herdanza que lle corresponde aos herdeiros e herdeiras lexítimas, mentres se establece outra de libre disposición, podendo recibila calquera persoa ou entidade sen ánimo de lucro.

Por iso Down Galicia pode recibir doazóns sen prexudicar ás persoas herdeiras.

 

Que faría Down Galicia co teu legado solidario?

As 7 entidades que forman Down Galicia teñen como principal obxectivo mellorar a calidade de vida de cada persoa coa síndrome de Down e discapacidade intelectual e das súas familias. Defender os dereitos destas persoas é a súa loita constante, que se afronta a través da reivindicación da inclusión social plena e da utilización dos recursos ordinarios da sociedade.

A atención diaria que ofrecen as 7 entidades Down de Galicia abrangue todo o ciclo da vida dunha persoa. Unha atención adecuada ás necesidades de cada persoa é fundamental para que se poida vivir do xeito máis pleno e digno posible.

 

Como podo deixar un legado a Down Galicia?

Para apoiar a Down Galicia co teu legado non é necesario un gran patrimonio, porque calquera aportación, sexa en forma de fondos ou de bens, é valiosa e ten impacto na atención diaria ás persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.

 

É un trámite sinxelo e rápido que debes comentar cun notario ou notaria, que che axudará na redacción dun testamento que respecte os teus desexos e os dereitos dos teus herdeiros e herdeiras. Os datos necesarios para deixar parte do teu legado a Down Galicia son os seguintes:

Nome social: Federación Down Galicia
Domicilio social: Rúa Alejandro Novo González, nº1 – 15706 – Santiago de Compostela
CIF: G15665144

 

Se xa tes feito o teu testamento e queres incluír a Down Galicia, será necesario modificalo incluíndo expresamente a vontade de deixar a herdanza ou determinados bens a favor da Federación.

 

Consulta toda a información no seguinte folleto.