Catorce mozos e mozas da Fundación Down Compostela e da Asociación Down Vigo participaron o martes no XI Campionato Barista Down de Galicia, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago. O evento, presentado polo reputado barista Diego López e a membro de Down Compostela Yone Zas, estivo organizado pola empresa Cafento, a través da marca Montecelio, coa colaboración das dúas entidades Down.
O concurso contou coa presencia da conselleira de Política Social e Iguadade, Fabiola García; ademais do presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto; e o presidente de Down Compostela; Juan Martínez. Deste xeito, autoridades, convidados e asistentes puideron comprobar, a mesa posta, do talento dos participantes.
Os e as baristas, repartidos en tres equipos, prepararon distintas elaboracións de café utilizando varios tipos de cafeteiras que, xunto coa súa destreza e habilidade á hora de realizar o exercicio, foron puntuados por un xurado especializado.
A entrega de premios estivo moi repartida. Contando con tres categorías, un dos recoñecementos foi a parar o equipo de Down Vigo, outro galardón para o equipo de Down Compostela e, finalmente, un equipo mixto de ambas entidades obtivo o premio restante. Ademais, o xurado determinou que o mellor barista do campionato foi Borja Gómez, da entidade olívica.
Os premios repartíronse da seguinte forma:
- Premio á Mellor Preparación para o Equipo Espresso Martini, de Down Compostela, formado por Carlos Ballesteros, David Aldrey, Javier Prieto, Mateo Tobío e Miguel Vázquez.
- Premio á Mellor Presentación para o Equipo Orange Matcha, de Down Vigo, integrado Ana Villaverde, Armando Gamarra, Borja Gómez e Isaac Fernández.
- Premio ao Mellor Servizo para o Equipo Coffe Queen, con participantes de Down Compostela e Down Vigo, composto por Cristina Freire, Carla Lojo, Jesús Manuel Reyna, Martín Sobrino e Patricia Cancelas.
Sen dúbida, trátase dun proxecto moi enriquecedor para as persoas participantes, que poden demostrar a súa valía profesional ante un xurado especializado. Para preparar o campionato, os tres equipos competidores contaron coa formación técnica de Alba Rodríguez, barista de Montecelio.
Sobre os Campionatos Baristas Down
Os Campionatos Baristas Down son unha iniciativa pioneira no mundo da empresa cafeteira Cafento, que consiste en levar as competicións entre profesionais expertos na cultura do café de calidade ás persoas coa síndrome de Down.
O primeiro Campionato Barista Down desenvolveuse en Galicia no ano 2012, co obxectivo de visibilizar o traballo das persoas con síndrome de Down e as súas posibilidades de integrarse no mercado laboral como baristas. A partir deste intre, celebráronse ao longo da xeografía española diversos Campionatos Baristas Down, entre os que destacan os de Asturias, Andalucía, Comunitat Valenciana e Región de Murcia.
Grazas a estes certames, máis dun centenar de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais de toda España puideron formarse como especialistas no mundo do café. Pero máis aló de pretender contribuír á inserción laboral, e a consecuente autonomía das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, os Campionatos Baristas Down queren ser unha oportunidade para visibilizar a este colectivo como persoas perfectamente capaces.