Down Coruña súmase un ano máis á Gran Recollida do Banco de Alimentos Rías Altas

A solidariedade volveu ser protagonista nesta nova edición da Gran Recollida do Banco de Alimentos Rías Altas. Paula, Patricia e Mónica, membros de Down Coruña, participaron nunha nova xornada de voluntariado enmarcada na campaña que a entidade benéfica mantén activa estes días.

Esta acción forma parte da colaboración que Down Coruña mantén desde hai anos co Banco de Alimentos. Tal e como destaca María José España, responsable da área, trátase dunha experiencia “moi enriquecedora para todas e todos nós e unha maneira de achegar o noso gran de area a unha causa que segue a ser necesaria”.

Ademais do apoio directo ao Banco de Alimentos, esta xornada supuxo tamén unha experiencia de crecemento persoal e social para as participantes. O voluntariado permite que as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual desenvolvan habilidades sociais, reforcen a súa autonomía e se sintan parte activa da comunidade, demostrando que a solidariedade non entende de etiquetas.

Ao longo da mañá, as voluntarias amosaron unha gran implicación, tanto na información ás persoas que se achegaban ao supermercado como na clasificación e almacenamento dos produtos doados. O seu exemplo volve lembrar que as persoas con discapacidade non só reciben apoio: tamén o ofrecen, contribuíndo co seu tempo, esforzo e entusiasmo á construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e colaborativa.

Esta iniciativa, integrada no Programa de Voluntariado de Down Coruña, reforza o compromiso social da entidade e a convicción de que todas as persoas podemos formar parte do cambio cando compartimos desde a empatía, a participación e a acción comunitaria.

Ir o contido