Ano 1998. As cinco Down asociacións existentes -Down Vigo, Down Compostela, Down Lugo, Down Pontevedra Xuntos e Teima Down Ferrol- decidiron unir as súas forzas na defensa dos dereitos das persoas coa síndrome de Down. Os pais e nais que formaban as entidades quixeron ir un paso máis alá na procura dun futuro mellor para os seus fillos e fillas. Así naceu a Federación Down Galicia.
Neste 2023, medio lustro despois, as sete entidades membro da Federación -sumando a Down Coruña e Down Ourense- conmemoran este especial aniversario, co que facer balance de todo o camiño percorrido, que é moito, pero tamén con vista a todo o que aínda queda por vir, que é moito máis.
O punto de partida, un motivo de rebeldía
“As persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual non estaban incluídas na sociedade, formaban un mundo aparte. Ese foi o motivo de rebeldía. Dicir: ‘Isto acabou, ata aquí chegamos’”. Así expresa Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, o punto de partida deste movemento asociativo e social. “Procurábamos un nexo de unión que puidese canalizar todas as inquedanzas a través dun órgano común”, explica sobre o nacemento da Federación.
“Nunha escala de 10 puntos, estamos no 3”
Facendo balance, o presidente non dubida en asegurar que “a inclusión como tal non forma parte das nosas vidas, nin da nosa realidade, porque hai barreiras que só seremos quen de derrubar co paso xeracional. Pero para que ese paso xeracional leve a cabo a eliminación desas barreiras, hai que comezar a traballalo desde xa. Por dicilo dunha maneira gráfica, desde o inicio ata hoxe, se establecemos unha escala de percorrido. De 10 puntos, digamos que estamos no 3”.
“Non podemos desfalecer xamais ata conseguilo”
Delmiro Prieto aproveita a análise do camiño percorrido louvando o traballo dos equipos profesionais das 7 entidades e a propia Federación ao longo destes 25 anos. “Sinto orgullo”, insiste.
“Pensando no futuro, o que nos toca é seguir traballando e seguir apostando polo que sempre cremos e polo que sempre defendemos, que é o respecto ás persoas que teñen algunha dificultade. Vale para síndrome de Down e vale a nivel universal”, apunta o presidente, que insiste en que “ese é o gran reto, co que non temos que desfalecer xamais ata conseguilo”. Mentres que remata asegurando que “tardaremos máis ou menos, pero chegaremos a el”.
Agradecemento por 25 anos de traballo
Desde Down Galicia queremos agradecer a todas as persoas vencelladas ao Movemento Down (persoas usuarias, familias, profesionais, voluntariado, empresas e administracións) a súa implicación, traballo e colaboración ao longo destes 25 anos.
Grazas ao seu bo facer a Federación e as súas entidades puideron percorrer este camiño de pequenas grandes metas. E a por outras moitas!