Down Galicia e Política Social asinan un convenio para o mantemento da Federación e os seus programas de autonomía persoal

 

A Federación Down Galicia e a Consellería de Política Social e Igualdade veñen de asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades, que ten por obxecto contribuír ao financiamento dos gastos de persoal e gastos correntes da Federación e das súas entidades, así como doutros gastos derivados da execución de actividades, programas e servizos de promoción da autonomía persoal e de prevención e atención á dependencia que desenvolve Down Galicia neste exercicio 2025.

Coa sinatura deste convenio nominativo, que achega á Federación un millón douscentos sete mil seiscentos oito euros (1.207.608,00€), promóvense os programas orientados especificamente a favorecer a autonomía e a inclusión socio laboral das 803 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais beneficiarias, atendendo á experiencia, equipo humano e medios dos que dispoñen a Federación e as súas entidades para desenvolver a atención requirida.

Os servizos de Down Galicia e das súas entidades están organizados en diferentes áreas de atención, que comprenden todo o ciclo vital das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, centrándose este convenio nas áreas de atención temperá, formación e emprego, vida adulta e independente e na área transversal, destacando a sensibilización e apoio na contorna.

Down Galicia, na súa de condición de Federación, presta apoio ás entidades membro que traballan na atención ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias dende unha perspectiva global, mellorando así a súa autonomía persoal e as súas condicións de vida e favorecendo a súa inclusión na sociedade galega.

 

Ir o contido