Down Galicia organiza unha xornada en Santiago para mellorar a atención médica ás persoas adultas coa síndrome de Down

A Federación Down Galicia organiza o vindeiro 8 de maio en Santiago de Compostela a xornada formativa “Atención médica a persoas adultas coa síndrome de Down”, unha iniciativa que pretende ofrecer un espazo de encontro e aprendizaxe co obxectivo de mellorar a atención e o coñecemento arredor das necesidades específicas deste colectivo no eido da saúde ao longo da vida adulta. A xornada desenvolverase en horario de tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, e para máis información pódese consultar o programa completo nesta ligazón.

O aumento da esperanza de vida das persoas coa síndrome de Down e os novos coñecementos médicos fan necesario que se actualice a abordaxe dos coidados da súa saúde de forma preventiva. O seguimento da saúde das persoas adultas coa síndrome de Down resulta fundamental para garantir unha boa calidade de vida e previr a aparición de patoloxías asociadas ao envellecemento prematuro. Tal e como recollen as guías especializadas neste ámbito, é clave realizar revisións periódicas, establecer protocolos de atención específicos e fomentar unha abordaxe integral que teña en conta tanto os aspectos físicos como os cognitivos e emocionais.

Neste contexto, a xornada contará co relatorio do Dr. Fernando Moldenhauer, responsable da Unidade de atención a adultos coa síndrome de Down do Hospital Universitario da Princesa (Madrid), unha figura de referencia a nivel estatal neste ámbito. A súa intervención afondará na importancia do seguimento médico especializado e ofrecerá claves prácticas para a detección precoz e o manexo das principais condicións de saúde asociadas.

A Comisión de Envellecemento de Down Galicia tamén participará neste evento para presentar o traballo realizado polas entidades Down de Galicia no eido da saúde e do envellecemento das persoas coa síndrome de Down durante os últimos 12 anos.

Ademais, o programa incluirá un espazo específico para rogos e preguntas, co fin de favorecer a participación das persoas asistentes e resolver dúbidas ou compartir experiencias profesionais. Ao remate da xornada, haberá un aperitivo informal que permitirá continuar o intercambio de opinións nun ambiente distendido, promovendo o contacto e a colaboración entre profesionais.

A actividade está dirixida, principalmente, a profesionais sanitarios de atención primaria e servizos hospitalarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, profesionais do ámbito da sanidade privada, así como a persoas que desenvolven o seu labor en entidades sociosanitarias e organizacións vinculadas ao ámbito da saúde.

Para asistir á xornada será necesario realizar unha inscrición previa a través deste enlace. O prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto ata o mércores 6 de maio, polo que se recomenda ás persoas interesadas completar o proceso con antelación para garantir a súa praza.

Trátase dunha oportunidade única para actualizar coñecementos, incorporar ferramentas prácticas e reforzar a coordinación entre profesionais na atención ás persoas adultas coa síndrome de Down, contribuíndo así a unha atención máis eficaz, integral e centrada na persoa. Desde a Federación Down Galicia animamos a todos e todas as profesionais do ámbito sanitario e sociosanitario a participar nesta xornada e aproveitar este espazo de aprendizaxe, intercambio e colaboración.

 

Esta actividade está subvencionada pola Xunta de Galicia – Consellería de Política Social e Igualdade:

Ir o contido