Medios de comunicación, administracións e o ámbito educativo colaboran na difusión do Día Mundial da Síndrome de Down

Os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia conmemoraron o Día Mundial da Síndrome de Down. A Cidade da Cultura, a ponte das correntes e a ponte do Burgo en Pontevedra, a ponte romana de Ourense, o Teatro Jofre en Ferrol, as casas do concello de Ferrol, Pontevedra e Covelo, as Fontes da Rúa Aragón en Vigo e a de Catro Camiños na Coruña, a Casa da Luz de Pontevedra, os edificios das Deputacións de Pontevedra e Ourense e o de San Caetano en Santiago de Compostela estiveron iluminados de azul e amarelo na tarde-noite do 20 e do 21 de marzo.

 

Implicación dos medios de comunicación galegos

Un ano máis, os principais medios de comunicación do país quixeron implicarse na visibilización das persoas coa síndrome de Down co gallo do 21M.

Televisións, radios e xornais impresos e dixitais deron cobertura aos eventos realizados pola Federación e as súas entidades, ademais de producir reportaxes e diferentes entrevistas.

Ademais, 14 dos principais xornais galegos colaboraron tamén co Departamento de Comunicación de Down Galicia para apoiar as súas campañas. Moitos deles publicaron un anuncio de sensibilización na súa versión impresa, mentres outros, coma Nós Diario, realizaron cobertura sobre as demandas realizadas neste Día Mundial.

 

Venda dun produto con La Voz de Galicia

La Voz de Galicia continúa colaborando un novo ano coa Federación Down Galicia poñendo á venda un produto con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.

Neste 2026 púidose adquirir un estupendo vaso térmico, co que todas aquelas persoas que o desexaron tiveron a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Como cada ano, esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada vaso térmico vendido co seu xornal.

 

Participación de centros educativos e universidades

Universidades e centros educativos galegos tamén quixeron colaborar na difusión deste Día Mundial da Síndrome de Down.

Deste xeito, as tres principais universidades galegas, USC, UVigo e Universidade da Coruña, difundiron o vídeo e a cartelería da campaña da Federación Down Galicia en moitas das pantallas das súas facultades. Ademais, enviaron tamén información por correo electrónico sobre a síndrome de Down e o labor de Down Galicia a gran parte do seu alumnado e profesorado.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pola súa banda, enviou a tódolos centros educativos galegos información facilitada pola Federación, na que se achegaban recursos cos que poder traballar a realidade da síndrome de Down nas aulas.

 

Desde a Federación agradecemos a todos e todas elas a súa fundamental colaboración para a eliminación dos prexuízos asociados á síndrome de Down.

Ir o contido