Down Galicia reivindica o dereito á educación no Día Internacional dos Dereitos Humanos

Con motivo do 65 aniversario da aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, Down Galicia participou no acto público de conmemoración coa lectura do Artigo 26, que recolle o dereito á educación. O acto, promovido polo Seminario Galego de Educación para a Paz, celebrouse no Salón Nobre do Pazo de Fonseca e contou coa presenza de destacados persoeiros do mundo da cultura e da política galega, así como de alumnado de varios colexios compostelás que tamén participaron na lectura. En representación de Down Galicia, o presidente da Federación, Delmiro Prieto, deu lectura ao artigo referente ao dereito á educación. O artigo 26 reivindica como obxectivo da educación o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; o favorecemento da comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e a promoción do desenvolvemento das Nacións Unidas  para manter a paz. O mesmo artigo defende que toda persoa ten dereito á educación, que esta debe ser de balde, polo menos no que se refire á instrución elemental e fundamental, e obrigatoria na etapa elemental. Tamén reclama que a instrución técnica e profesional terá que ser xeneralizada; e o acceso aos estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos. Por último, o artigo 26 recolle que os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar aos seus fillos.

Ir o contido