Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, que se conmemorou o pasado venres 21 en todo o mundo, a asociación Down Lugo inaugurou esta mañá unha mostra fotográfica coa que quere dar visibilidade á realidade das persoas con esta alteración cromosómica.
A través de 40 fotografías, membros da entidade amosan a súa vida cotiá, que non dista tanto da de calquera persoa da súa mesma idade. Ocio, traballo, vida adulta ou momentos na escola ou coas amizades, entre outros temas, están presentes nas imaxes que conforman a mostra, que estará dispoñible ata o vindeiro 22 de abril na Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo.
Mª José Blanco Freire, presidenta de Down Lugo, destacou que “inaugurar esta mostra fotográfica é outra das maneiras de dar visibilidade á vida cotiá e a realidade das persoas coa síndrome de Down. Queremos que a sociedade vexa más alá dos estereotipos e comprenda que, coma calquera outra persoa, teñen soños, desafíos e logros”.
Previamente á inauguración desta exposición, mozos e mozas da asociación Down Lugo alzaron a súa voz para dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, co que quixeron reclamar unha sociedade máis inclusiva e poñer de manifesto a falta de oportunidades á que se enfronta o colectivo a diario.
“Se somos tan parecidos, por que costa tanto incluírnos? Por que non temos as mesmas oportunidades?”, dicían ben alto e ben claro Iria Villamarín e Alba Abuín. “Un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos”.
Deste xeito, os mozos e mozas da asociación encargáronse de desbotar mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down, e reivindicaron unha vez máis os seus dereitos como cidadáns e cidadás de pleno dereito, incidindo na importancia da inclusión e da eliminación das barreiras existentes na contorna.
Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Lugo e o Movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.