A Asociación Down Lugo pon en marcha en Ribadeo xunto co concello da vila unha ambiciosa iniciativa de sensibilización e visibilidade ao unir dúas accións complementarias: a exposición fotográfica “Tan coma ti” e o Foro Down “Tan diferentes como iguais”, que se celebrará o sábado 25 de outubro. Ambas propostas buscan amosar a realidade das persoas con síndrome de Down e promover unha sociedade máis inclusiva, diversa e empática.
Exposición ‘Tan coma ti’
A exposición “Tan coma ti” pode visitarse na Oficina de Turismo de Ribadeo do 15 ao 31 de outubro. A mostra reúne 40 retratos de persoas con síndrome de Down de diferentes puntos da provincia, acompañados de frases elixidas por elas mesmas. Con esta iniciativa, Down Lugo e o Concello de Ribadeo queren visibilizar a vida cotiá destas persoas, romper estereotipos e lembrar que todas e todos compartimos emocións, desexos e capacidades.
Segundo explica a coordinadora de Formación e Emprego da asociación, Sarai Lodeiro Castro, “queremos que estas persoas non sexan vistas como obxectos de lástima ou como casos excepcionais, senón como cidadáns activos, con voz, soños e capacidades propias”. A entidade concibe esta exposición como itinerante, co obxectivo de levala a outros concellos e centros culturais da provincia para seguir espallando a mensaxe de igualdade e respecto.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, valora a mostra como unha oportunidade para que a cidadanía “achegue aos intereses, soños e capacidades das persoas protagonistas”, engadindo que “son tan coma ti”. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, manifesta que esta exposición forma parte dun compromiso local coa diversidade, con accións que promoverán continuidade.
Foro Down ‘Tan diferentes como iguais’
Como colofón da presenza de Down Lugo en Ribadeo, este sábado 25 celebrarase no auditorio municipal do municipio o primeiro Foro Down “Tan diferentes como iguais”, organizado pola asociación, coa colaboración do Concello e o apoio da Xunta de Galicia.
O encontro, de acceso libre, arrincará ás 10:00 horas e pretende ser un espazo de reflexión e participación cidadá arredor da inclusión e o valor das capacidades diversas. O programa inclúe unha conferencia do doutor Gonzalo Berzosa, experto en inclusión e diversidade; actividades creativas dirixidas por As Vacas Fracas; unha comida compartida coa colaboración de Galipizza; e un peche no Teatro Municipal cunha representación a cargo do grupo de teatro de Down Lugo.
Para a asociación, este foro é unha oportunidade para poñer en valor as historias e aspiracións das persoas con síndrome de Down e compartir cos asistentes experiencias e propostas de futuro. “O foro pretende visibilizar capacidades, fomentar diversidade e escoitar ás persoas implicadas con honestidade, sen filtros”, afirma Sarai Lodeiro. Dende o Concello, a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, destaca que este encontro “quere ser un espazo de aprendizaxe, participación e convivencia, onde a sociedade poida coñecer de preto o talento das persoas con síndrome de Down e romper miradas preconcebidas”.
Unha nova mirada que debe expandirse
A combinación da exposición e o foro ofrece unha visión completa e complementaria: a primeira convida a mirar e empatizar; o segundo, a dialogar e construír xuntos unha sociedade máis inclusiva. Para Down Lugo, ambas accións encádranse nun plan estratéxico de incidencia pública, sensibilización e fomento dunha sociedade máis inclusiva ademais de procurar que estas actividades se convertan en sementes que xerminen tamén fóra deste concello.