A asociación Down Pontevedra Xuntos e a entidade ecoloxista Vaipolorío veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá sumar esforzos no coidado e conservación do río dos Gafos, así como na posta en valor da súa historia e riqueza natural.
O acordo arrincou oficialmente este luns 29 de setembro cunha primeira xornada de traballo conxunto, que tivo lugar ás 10:30 horas diante da estación de autobuses de Pontevedra. Nesta actividade, persoas usuarias de Xuntos participaron na limpeza do sendeiro e na retirada da herba da pampa (Cortaderia selloana), unha especie invasora que ameaza o ecosistema do Gafos. A acción completouse con nocións básicas sobre a flora e fauna da zona, permitindo ás persoas participantes coñecer mellor a biodiversidade deste espazo natural tan querido pola cidadanía.
Segundo explicou o portavoz de Vaipolorío, Xosé Feijoo, o traballo céntrase inicialmente na retirada dos plumachos da herba da pampa para evitar que as sementes se espallen co vento. Nunha segunda fase, prevese arrincar as plantas máis pequenas de forma manual e recorrer a medios mecánicos para retirar as máis grandes.
A colaboración con Down Pontevedra Xuntos supón un paso adiante para ambas entidades, que xa desenvolveran actividades conxuntas en ocasións anteriores. Agora, grazas ao convenio, haberá un calendario estable de accións compartidas que permitirá implicar ás persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual no coidado activo do patrimonio natural da cidade.
Durante a xornada do luns, as persoas participantes percorreron tamén o sendeiro para descubrir outras especies vexetais, como o lúpulo ou o loureiro, e coñecer de primeira man os retos que supoñen outras plantas invasoras presentes na contorna, como a Tradescantia zebrina (“planta cebra”).
Este inicio de colaboración é un exemplo de enriquecemento social e cultural en Pontevedra, que combina o compromiso ambiental co impulso da participación comunitaria e inclusiva. Con el, Down Pontevedra Xuntos reforza a súa misión de favorecer a inclusión das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual na sociedade, ao tempo que contribúe á defensa dun espazo natural de gran valor como é o río dos Gafos.