Down Pontevedra Xuntos impulsa un programa de apoios a discapacidade intelectual na iniciativa cultural municipal ‘Noites Abertas’

Down Pontevedra Xuntos realiza un programa de apoio a persoas con discapacidade intelectual no marco da iniciativa municipal ‘Noites Abertas’, unha proposta consolidada de cultura e ocio do Concello de Pontevedra que regresa en 2026 cunha ampla programación.

A 27ª edición de ‘Noites Abertas’ desenvólvese entre o 30 de xaneiro e o 28 de marzo, cun total de 98 actividades diferentes, pensadas para ofrecer alternativas de lecer saudable e participativo á cidadanía. A programación inclúe propostas culturais, creativas e deportivas, como obradoiros artísticos, actividades musicais, teatro, danza, movemento, expresión corporal, propostas audiovisuais e actividades de ocio activo, entre outras.

No marco desta iniciativa, o programa de apoios impulsado por Down Pontevedra Xuntos ten como obxectivo facilitar que as persoas con discapacidade intelectual poidan participar nas actividades de maneira inclusiva e efectiva, garantindo os apoios necesarios en función das necesidades de cada persoa e favorecendo a súa plena integración na vida cultural e social da cidade.

Tal e como explicou Paula Villaverde, coordinadora da entidade Down, trátase dun programa de acompañamento “dirixido a persoas con discapacidade intelectual, que fomenta e permite que formen parte das actividades de maneira inclusiva e real, algo que agradecemos ao Concello”. Neste senso, destacou que os apoios se realizan in situ sempre que a persoa o precise, mantendo en todo momento unha coordinación estreita co monitorado responsable das actividades.

Un aspecto fundamental do programa é o seu carácter aberto á cidadanía. “Este acompañamento non está dirixido unicamente ás persoas usuarias da nosa asociación, senón a calquera persoa con discapacidade intelectual da cidade que queira participar nas actividades”, subliñou Villaverde.

Esta colaboración entre Down Pontevedra Xuntos e o Concello de Pontevedra supón un paso máis no traballo conxunto para construír unha cidade máis inclusiva, na que a diversidade forme parte de maneira natural da oferta cultural e de ocio.

Ir o contido