Down Pontevedra Xuntos participa no proxecto “Voces Ocultas” para impulsar a creación artística e musical

Catro persoas usuarias de Down Pontevedra Xuntos participan este ano no proxecto “Voces Ocultas”, unha iniciativa de creación artística, musical e cultural posta en marcha por Estudo Bonobo coa colaboración do Concello de Pontevedra.

O proxecto conta coa implicación de 20 persoas procedentes de cinco entidades sociais da cidade do Lérez e nace co obxectivo de promover a inclusión, a formación e a profesionalización no ámbito das artes e do audiovisual, tendo como protagonistas ás persoas con diversidade funcional.

“Voces Ocultas” retoma e amplía unha experiencia iniciada en 2016, evolucionando cara a unha aula de formación continuada en disciplinas como música, son, fotografía, artes plásticas e creación literaria. A proposta estrutúrase en diferentes módulos formativos, sendo o de son e música o seu eixo central.

Neste marco, as persoas participantes formarán parte dunha agrupación musical inclusiva orientada á realización de actuacións en directo e á creación dun futuro circuíto de concertos. Ademais, achegaranse a ámbitos como a composición de bandas sonoras para audiovisuais ou videoxogos, a música para publicidade e eventos ou a produción cultural.

O obxectivo é claro: potenciar as capacidades artísticas e creativas das persoas con discapacidade intelectual, romper estereotipos e xerar oportunidades reais no eido cultural e laboral.

Sensibilización nas aulas e traballo en rede

O proxecto incorpora tamén unha vertente de sensibilización social a través da elaboración dunha unidade didáctica dirixida a institutos de educación secundaria. Esta iniciativa permitirá achegar ao alumnado a realidade das persoas con diversidade funcional, fomentar a interacción directa coas persoas participantes e dar a coñecer o proceso creativo desenvolvido.

A presentación pública do traballo realizado terá lugar nun concerto previsto para finais de maio ou comezos de xuño, no que as persoas integrantes de “Voces Ocultas” poderán compartir co público o resultado desta primeira fase.

Este tipo de iniciativas comunitarias favorecen a visibilidade, a expresión artística e o desenvolvemento persoal das persoas usuarias, ao tempo que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas teñan voz.

Ir o contido