Down Vigo colabora no programa Mares Circulares axudando a retirar 220 quilos de residuos do río Lagares

Down Vigo participou onte, por terceiro ano consecutivo, nunha nova acción de voluntariado ambiental no marco do programa Mares Circulares, unha iniciativa impulsada por Chelonia e Coca-Cola que promove a protección dos ecosistemas mariños a través da recollida de residuos e da sensibilización social.

A actividade desenvolveuse no entorno do río Lagares, en Vigo, e contou coa implicación de 71 persoas voluntarias procedentes de diferentes entidades colaboradoras, Concello de Vigo, Fundación Celta, centro Juan María de Nigrán e Down Vigo.

Durante a xornada, as persoas participantes recolleron máis de 220 quilos de residuos, contribuíndo á mellora dun espazo natural clave e evitando que estes desperdicios acaben no mar. Os materiais foron posteriormente clasificados para o seu tratamento e reciclaxe, ao tempo que os datos obtidos se incorporarán á base de coñecemento do proxecto para avanzar na investigación ambiental.

Desde Down Vigo subliñan a importancia de iniciativas deste tipo como ferramenta de inclusión e participación activa na sociedade, destacando o valor das persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual como axentes de cambio comprometidos co coidado do entorno.

Desde a Fundación Celta destacan que a colaboración entre entidades e a implicación da cidadanía son fundamentais para avanzar cara a contornos máis sostibles e responsables, subliñando o papel do fútbol como ferramenta de transformación social. Pola súa banda, desde Coca-Cola Europacific Partners Iberia inciden en que o traballo en rede é clave para acadar obxectivos ambiciosos como este, facendo fincapé na necesidade de protexer os ecosistemas mariños e impulsar iniciativas que favorezan a economía circular.

Desde o seu lanzamento en 2018, o programa Mares Circulares mobilizou na rexión a 2.798 persoas voluntarias en 60 actuacións en praias e 10 en espazos naturais protexidos, nas que se recolleron máis de 56 toneladas de residuos. No conxunto de España, en 2025 realizáronse 139 intervencións en contornos acuáticos con máis de 7.000 persoas participantes e a retirada de 350 toneladas de residuos, ademais doutras accións en espazos protexidos e actividades de formación e sensibilización que implicaron a máis de 7.200 persoas.

Ir o contido