Down Vigo pon en pé ao auditorio Mar de Vigo coa súa obra “La Sirena”

 

Fai tan só unhas semanas, catro persoas usuarias da asociación Down Vigo e varias profesionais da entidade interpretaron a obra “La Sirena” na gran final da 12ª edición de Vigo Porté, o evento internacional de referencia de disciplinas de baile.

Adrián Dacuña, Luana Otero, María Centeno e Tamara Carballa ofreceron unha magnífica exhibición previa á Gran Final coa que puxeron en pé a todo o auditorio. Baixo a dirección de Erick Alexander Corrente, técnico de musicoterapia da entidade, desenvolveron unha obra dancística cuxa temática foi o amor non correspondido.

 

Vigo Porté 2024

Vigo Porté é un evento Internacional de Disciplinas de Baile que este ano celebrou a súa duodécima edición presencial no Auditorio Mar de Vigo. De media, estímase que máis de 8.000 persoas asistiron como público durante toda a fin de semana. Nesta edición, a escola de danza viguesa Media Punta converteuse na gañadora do Premio Vigo Porté 2024, coa súa coreografía Red Jazz.

O carácter do evento é internacional, con presenza de participantes de España, Portugal, Francia, Chile e Venezuela. É considerado un dos eventos de danza máis importantes de Europa, tanto por parte de membros do xurado, como polas propias persoas participantes, que adoitan asistir a eventos noutros países, e califican como superior a calidade e organización de Vigo Portei.

Agradecemos de maneira especial a Vigo Porté o seu compromiso con visibilizar a inclusión real e a oportunidade de demostrar que as disciplinas artísticas poden ser unha saída profesional para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Ir o contido