Down Vigo presenta unha colección de camisetas con fins solidarios

O pasado 14 de febreiro, Down Vigo presentou en sociedade o Proxecto  XX, unha iniciativa solidaria co fin de recadar fondos para a ONG  Bicos de Papel, Asociación de axuda a nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A idea central do proxecto, no que participa alumnado do servizo de Formación da entidade, é agradecer á sociedade todo o apoio recibido durante os 30 anos de actividade da Asociación, tomando esta vez a iniciativa e axudando a outra entidade social.

Para iso, Down Vigo está a levar a cabo unha colaboración coa empresa Las flores de  Greta, dedicada ao deseño de pezas de roupa coa técnica do ecoprint, consistente en trasladar os  pigmentos de follas e flores a tecidos de orixe orgánica.

O resultado desta colaboración son 15 camisetas 100% algodón deseñadas e estampadas por persoas usuarias de Down Vigo, que levan meses estudando o proceso e perfeccionando a súa técnica. Deste xeito, cada unha das pezas é unha creación exclusiva e única.

As pezas serán postas á venda mediante crowdfunding ou micromecenado. A través dunha plataforma de venda, todas as persoas interesadas poderán realizar unha achega mediante doazóns económicas, obtendo a cambio diversas recompensas. O importe íntegro da recadación será doado á ONG  Bicos de Papel.

Máis información pinchando aquí

Ir o contido