Membros de Down Pontevedra Xuntos logran o segundo premio no certame de Curtas D-Medo de Barro

A asociación Down Pontevedra Xuntos acadou o pasado venres 31 de outubro o segundo premio coa peza O espantallo na categoría xeral do certame de curtametraxes D-Medo, organizado polo Concello de Barro. O concurso busca fomentar o uso do galego, o traballo en equipo e o emprego das novas tecnoloxías, ademais de servir como espazo de dinamización e transferencia cultural.

A entidade participa neste certame dende o ano 2016, salvo nas edicións de 2020 e 2024, e este recoñecemento súmase a unha traxectoria chea de logros, xa que o grupo quedou en primeiros postos con cinco curtas ao longo destes anos. Porén, para as mozas e mozos participantes, o maior premio segue a ser o recoñecemento ao seu esforzo, a convivencia e o desfrute compartido durante todo o proceso creativo.

O proxecto estrutúrase en oito sesións de traballo, nas que o grupo, formado este ano por 11 persoas, participa activamente en todas as fases: dende a elección da temática ata a gravación final. As e os participantes deciden por votación o argumento e os personaxes, elaboran o guión, preparan o vestiario e o atrezzo, e mesmo aportan materiais propios. A gravación, coordinada polas profesionais da entidade Patri e María, desenvólvese en escenarios da contorna máis próxima, convertendo o municipio nun auténtico plató e sorprendendo ás veces a veciñanza con escenas cheas de emoción, sangue falsa e algún que outro berro de medo. Como resultado deste traballo o equipo chegou a rodar dúas curtas, O Espantallo e Xustiza na xoguetería.

A experiencia supón unha ferramenta de inclusión e sensibilización, que favorece a participación activa das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, promovendo a toma de decisións, o diálogo, a expresión corporal e o traballo en equipo. O certame D-Medo é, así, un exemplo de como o audiovisual pode contribuír á visibilización do talento e da diversidade presentes na sociedade.

Desde Down Pontevedra Xuntos amósase unha gran satisfacción polo novo recoñecemento e transmite, xunto a Down Galicia, a súa noraboa ás mozas e mozos participantes, que con entusiasmo e compromiso fixeron posible este éxito colectivo.

O ESPANTALLO (2º PREMIO)

XUSTIZA NA XOGUETERÍA

Ir o contido