Nazaret Barroso incorpórase ao Concello de Ribadeo a través de Down Lugo nun novo paso pola inclusión laboral

Ribadeo da un novo paso na inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual coa presentación do Programa Laboral de Inclusión, unha iniciativa que permitirá a incorporación durante un ano dunha traballadora da asociación Down Lugo ao persoal municipal, con funcións de ordenanza e dependencia directa da Alcaldía. O programa nace da colaboración entre o Concello, a Xunta de Galicia e Down Lugo, e enmárcase na metodoloxía de Emprego Con Apoio que Down Galicia promove para favorecer a verdadeira inclusión sociolaboral.

A protagonista desta incorporación é Nazaret Barroso, do veciño concello de Lourenzá, unha moza vinculada a Down Lugo que xa viña desenvolvendo un itinerario formativo orientado ao emprego e á administración pública. A súa chegada ao Concello sitúa a inclusión no propio día a día dun servizo municipal e converte Ribadeo nun novo exemplo de administración aberta á diversidade e ao talento das persoas coa síndrome de Down.

Durante a presentación do programa, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a importancia de abrir as administracións públicas á inclusión real e de ofrecer oportunidades laborais que permitan avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria. O rexedor puxo en valor a colaboración coa asociación e sinalou que a incorporación de Nazaret supón “un paso importante” para o Concello, ademais dun exemplo de compromiso social e institucional coa diversidade.

Pola súa banda, a presidenta de Down Lugo, María José Blanco, subliñou que cando unha persoa ten a oportunidade de demostrar a súa valía profesional “estamos rompendo o ciclo da exclusión e permitindo que a súa contribución social sexa visible e valorada en igualdade de condicións”. Neste sentido, incidiu en que o acceso ao emprego é “o motor que transforma a percepción da discapacidade nunha percepción de capacidade e talento”, permitindo avanzar cara a unha sociedade na que a diversidade sexa entendida como un valor engadido.

María José Blanco tamén quixo facer un chamamento a outras administracións e entidades para que dean pasos semellantes e confíen en programas de inclusión laboral como o que desenvolve a entidade. “Animamos a todos os concellos e entidades a que perdan o medo e se acheguen a programas como Emprego Con Apoio. Ao incorporar unha persoa coa síndrome de Down ao voso cadro de persoal, non só estades cumprindo cun deber ético, estades converténdovos nun referente e nun modelo a seguir para toda a comunidade”, destacou.

A contratación de Nazaret Barroso supón ademais un novo avance no traballo que Down Lugo desenvolve desde hai anos para favorecer a inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, acompañando ás persoas participantes tanto na súa formación como na adaptación aos postos de traballo. A entidade continúa así impulsando oportunidades reais de emprego en contornos ordinarios, demostrando que, co apoio adecuado, as persoas poden desenvolver o seu labor profesional con autonomía, responsabilidade e plena participación social.

Ir o contido