O Servizo de Orientación Laboral supera o millar de accións durante o pasado exercicio

Contabilizáronse 1.125 accións de orientación para un total de 325 persoas con discapacidade intelectual en busca activa de emprego. As accións desenvolvéronse no período que abarca desde febreiro de 2013 a xaneiro de 2014, incrementando nun 12,8% o número de persoas atendidas con respecto ao período anterior. As accións de orientación realizadas van encamiñadas a facilitarlle estratexias e recursos adecuados aos demandantes de emprego do colectivo de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, de xeito que a súa busca activa de emprego sexa máis efectiva. Os grandes grupos de accións de orientación laboral compóñense de itinerarios personalizados de inserción, sesións grupais e entrevistas personalizadas, co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos demandantes de emprego en función do seu perfil profesional. O servizo conta con persoal técnico especializado e realiza as súas actuacións nas principais cidades galegas. Para elo, conta con dúas orientadoras laborais, que prestan servizo itinerante desde os dous Centros de servizo, ubicados en Santiago e Vigo, para dar cobertura á zona norte da Comunidade galega – Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, A Coruña, Carballo e Compostela-;  e á zona sur –Ourense, Pontevedra e Vigo-. O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia (IOBE) é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, tendo competencias en materia de modificación de datos e actualización dos currículos dos demandantes titorizados por Down Galicia. Este servizo está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Ir o contido