Punto virtual :: Down Galicia

 PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
PREGUNTAS FRECUENTES

 

PREGUNTAS FRECUENTES

Como podo conseguir que as miñas clases capten a atención de todo o meu alumnado?

Existen diferentes factores que poden influír significativamente no eido da atención:

Motivación:

A motivación resulta un pilar fundamental na aprendizaxe, non só durante a etapa educativa, senón durante todo o ciclo vital das persoas. Aprendemos aquilo que nos sorprende, que nos emociona, que nos apaixona… En definitiva, aprendemos aquilo que nos motiva.

Na práctica docente é conveniente ter en conta tanto a motivación intrínseca como a extrínseca do noso alumnado. A motivación intrínseca fai referencia aos intereses persoais do noso alumnado, sendo estes os que sempre deben guiar o proceso de aprendizaxe, e a motivación extrínseca a elementos externos que, como docentes, podemos modificar e adaptar en función das necesidades da nosa aula: tipos de actividade (manipulativas, interactivas, cooperativas…), metodoloxías como a aprendizaxe-servizo (ApS), a gamificación, aprendizaxe baseada en xogo, interaccións positivas por parte do/da docente, etc.

Outro factor fundamental directamente relacionado coa motivación son as expectativas que como docentes depositamos sobre o noso alumnado, establecéndose así un punto de partida tanto nas nosas interaccións como na linguaxe que empregamos nas nosas aulas (efecto Rosenthal ou “efecto Pigmalión”), que marcará de xeito significativo o desenvolvemento e o rendemento dos nenos e nenas nas clases. Neste senso, unha boa ferramenta para a práctica docente é a elaboración dun cartafol de talentos ao inicio de curso no que se evidencien fortalezas do alumnado, as súas capacidades, intereses, motivacións, hábitos de estudo, estratexias de aprendizaxe, preferencias de agrupamento, etc. (Renzulli y Reis, 2016).

As preguntas que poden guiar a práctica docente son:

  • Teño en conta os intereses do meu alumnado na programación das miñas clases?
  • Emprego metodoloxías que favorecen a motivación intrínseca e extrínseca?
  • Varío as actividades de xeito frecuente e ofrezo alternativas de elección?
  • Valido o esforzo e a implicación do meu alumnado nas tarefas?
  • Como son as miñas expectativas de cara ao meu alumnado?
  • Como son as miñas interaccións co meu alumnado?

 

Propostas de recursos e ferramentas para captar a atención do alumnado:

  • Ter en conta os intereses do alumnado e as súas experiencias
  • Empregar metodoloxías activas
  • Variar e combinar actividades (manipulativas, gamificadas, colaborativas, proxectos…)
  • Ofrecer alternativas de elección e decisión tanto no desenvolvemento das clases como nas propias actividades
  • Crear un cartafol de talentos
  • Establecer un clima de relacións en positivo

 

Accesibilidade / material didáctico:

A falla de accesibilidade dos contidos e materiais é un dos factores clave no mantemento da atención nas tarefas. Neste senso, o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) eríxese como o pilar fundamental na consecución da accesibilidade plena, recollendo de forma específica aspectos como a accesibilidade dos materiais, a motivación, o compromiso e as alternativas de elección nos seus principios e aportando orientacións concretas para cada un deles.

Do mesmo xeito, as programacións multiniveladas (taxonomía de Bloom) favorecen a atención sostida e a participación nas tarefas propostas, xa que se atende á variabilidade competencial do alumnado.

As preguntas que poden guiar a práctica docente son:

  • Son os meus materiais e contidos accesibles para todo o alumnado tendo en conta a súa variabilidade?
  • Realizo unha análise de barreiras nas miñas programacións ou unidades didácticas de xeito previo a súa implantación na aula?
  • Ofrezo actividades multinivel?

 

Propostas de recursos e ferramentas para favorecer a accesibilidade:

 

Contexto:

Ocorre que, en moitas ocasións, as faltas de atención veñen dadas por situacións contextuais que poden pasar desapercibidas inicialmente, tendendo a poñer o foco directamente nas dificultades do noso alumnado e depositando así unha responsabilidade nel que non sempre lle corresponde. Por iso, é fundamental ter en conta o contexto no que vive inmerso o noso alumnado, tanto a nivel familiar como no propio centro educativo. Un bo recurso é a realización de avaliacións periódicas do impacto ou influencia que poidan ter determinados factores contextuais (dinámicas familiares, interacción cos compañeiros e compañeiras, conflitos/convivencia nas aulas, cambios nas rutinas…) no desenvolvemento dos nenos e nenas, tanto aqueles que funcionan como barreiras como os que funcionan como potenciadores do desenvolvemento académico e persoal.

As preguntas que poden guiar a práctica docente son:

  • Pode haber algún factor contextual que estea influíndo a nivel atencional no desenvolvemento das miñas clases?

 

Propostas para a mellora dos factores contextuais:

Identificar e analizar periodicamente os factores contextuais, tanto a nivel individual como de funcionamento de grupo, que poidan estar influíndo no desenvolvemento das clases (dinámicas familiares, interacción cos compañeiros e compañeiras, conflitos/convivencia nas aulas, cambios nas rutinas…)