Punto virtual :: Down Galicia

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
PREGUNTAS FRECUENTES

 

PREGUNTAS FRECUENTES

Que é o desenvolvemento “normal” das clases? (ver pregunta 4)

NORMAL:

“Que serve de norma ou regra”.

“Que se axusta a certa norma ou a características habituais ou correntes, sen exceder”.

En xeral, aplicar ditos significados ao funcionamento da clase, do centro ou do sistema educativo implica que todo aquilo que non é habitual ou corrente, excede da norma e, polo tanto, queda fóra. Esta perspectiva de “normalidade” ofrece uns lindes predefinidos, pechados e limitantes, convertendo a realidade educativa nunha realidade engaiolante, que coloca a diversidade fóra dos lindes desa norma, como algo alleo e excepcional, e abordándoa con medidas e actuacións extraordinarias.

Asumir esta visión parece vivir de costas a unha realidade moito máis complexa. Tanto o alumnado como o profesorado, como cada un dos membros dunha comunidade educativa, forman parte dunha sociedade absolutamente diversa, cambiante e plural, polo que resulta imposible describir parámetros de normalidade dentro das nosas aulas e das nosas comunidades.

Saber que non existe o “desenvolvemento normal” nunha clase debe ser o punto de partida. Debemos aprender a recoñecer e valorar as diferenzas, variables e identidades de cada realidade e, a partir de aí, tratar de construír un ambiente que favoreza a convivencia e o respecto, onde aprender e ensinar sexan sinónimos de desfrutar en igualdade de oportunidades creando un mundo máis accesible e contribuíndo a unha máis que necesaria xustiza social onde ninguén permaneza nos marxes.

A continuación recollemos algúns aspectos que poden axudar a crear ese ambiente de aprendizaxe, onde a diversidade deixa de ser excepcionalidade e se convirte no centro da nosa práctica docente:

  • Ollada inclusiva: Ver capacidades, eliminar barreiras, proporcionar apoios, ofrecer contextos flexibles, coidar as expectativas, Deseño Universal para a Aprendizaxe, deseño multinivel, tempo de coordinación e traballo en equipo, uso das TICs, avaliación flexible, etc. En definitiva, dar oportunidades sen poñer límites.
  • A importancia dos apoios: Mobilizar, reorganizar e repensar os recursos do centro para poñelos  sempre ao servizo da diversidade. Para salvar as posibles barreiras e responder ás necesidades de apoio reais é necesario que o profesorado asuma un rol como persoas de apoio no proceso de inclusión, creando redes colaborativas.
  • Docencia compartida: Deseñar propostas pedagóxicas compartidas, colaboración entre docentes favorecendo o establecemento de apoios.
  • Horarios e agrupamentos flexibles, que permitan crear aprendizaxes significativas e compartidas entre diferentes aulas ou niveis, creando vínculos que favorezan o apoio e a aprendizaxe.
  • Traballo colaborativo: Desenvolver metodoloxías de traballo que faciliten as relacións interpersoais, o diálogo, as aprendizaxes compartidas, a cohesión, o apoio mutuo, a interacción simultánea (aprendizaxe cooperativa, comunidades de aprendizaxe, titoría entre iguais, debates, exposicións, faladoiros…)
  • Deseño Universal para a Aprendizaxe: Un enfoque baseado na investigación para o deseño do currículo. É dicir, obxectivos educativos, métodos, materiais e avaliación que permite a todas as persoas desenvolver coñecementos, habilidades, motivación e implicación coa aprendizaxe.
  • TIC, TAC e TEP: O manexo das TICs (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), TAC (Tecnoloxías para a Aprendizaxe e o Coñecemento) e TEP (Tecnoloxías para o Empoderamento e a Participación) como ferramentas e recursos en beneficio da personalización da aprendizaxe, do deseño universal, da redución da fenda dixital e para favorecer a inclusión social.
  • Metodoloxías activas: Establecer metodoloxías máis participativas como o traballo por proxectos, a gamificación, as paisaxes de aprendizaxe, as rutinas de pensamento, a aprendizaxe-servizo, o desenvolvemento de talentos e intelixencias múltiples…
  • Contornas estruturadas: Organizar a aula por zonas de aprendizaxe diferenciadas, creando diferentes ambientes: recunchos, talleres, paisaxes de aprendizaxe… e organizar o centro librando posibles barreiras: facilitar as entradas e saídas, momentos de transición, tempos de recreo, etc.
    Máis información sobre accesibilidade cognitiva
  • Materiais facilitadores: Utilizar mediadores de aprendizaxe (recursos materiais, tecnolóxicos e persoais axustados a cada persoa e ás súas necesidades –personalización-), proporcionar materiais que favorezan a accesibilidade, a motivación e a participación (historias sociais, storytelling, cadernos de normas, visual thinking, termómetro de emocións, vídeos, audios, textos en lectura fácil, pictogramas…). O Deseño Universal para a Aprendizaxe debe ser o marco que favoreza a accesibilidade universal.
  • Avaliación inclusiva: A avaliación como proceso formativo e construtor da propia aprendizaxe, continua, flexible e dinámica, como instrumento de autocoñecemento, de superación persoal, de axuste dos procesos e da valoración do produto final conseguido coa aprendizaxe. Isto implica variedade de recursos, ferramentas e materiais sobre avaliación, así como diversidade de instrumentos de autoavaliación e co-avaliación.
    https://www.antonioamarquez.com/variando-el-como-de-la-evaluacion-en-un/