PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
PREGUNTAS FRECUENTES
PREGUNTAS FRECUENTES
Que dinámicas podo seguir para establecer un clima cooperativo e participativo dentro da clase?
A diversidade nas nosas aulas é unha realidade innegable: racial, cultural, funcional, sexual, lingüística…
Unha diversidade que, sen dúbida algunha, nos enriquece e fortalece como individuos e sociedade, pero que tamén implica diferentes realidades, perspectivas e habilidades na interacción coas demais persoas. Por tanto, resulta fundamental a intervención educativa relativa á cohesión grupal e ao traballo cooperativo. Para iso, é interesante ter en conta os seguintes aspectos:
- Autoavaliación docente: como docentes somos modelos moi potentes para o noso alumnado, e o xeito en que nos relacionemos, a linguaxe que empreguemos e as expectativas que amosemos sentarán un precedente claro no xeito en que os alumnos e alumnas se relacionen entre si.
- Análise das dinámicas de interacción na aula: as nosas aulas son sistemas de relacións ricos e complexos que poden xogar ao noso favor ou supoñer un gran obstáculo para o proceso de aprendizaxe e socialización. Neste senso son moi útiles os sociogramas, que permiten explorar de xeito gráfico a posición que ocupa cada individuo dentro do grupo, así como todas as interrelacións establecidas entre os diferentes alumnos e alumnas, creando unha base sólida para a posterior intervención na cohesión grupal.
- Cohesión grupal: para que a participación e as relacións na aula se establezan de xeito positivo, seguro e de igual a igual é preciso que se traballe e interveña de xeito específico na cohesión grupal que presenta o alumnado da nosa aula. Recomendamos establecer sesións concretas (hora de titoría, por exemplo) para a realización de dinámicas e actividades como poden ser “Pes atados”, “O espello”, “Busca o teu globo” ou “Asemblea”, nas que se traballen habilidades sociais, estilos de comunicación, autoestima, resolución de conflitos…
- Aprendizaxe cooperativa / Apoio entre iguais: A nivel de traballo de aula, a metodoloxía cooperativa é un recurso moi potente que favorece o establecemento dun clima positivo e seguro, xa que aporta un sistema de traballo completo, recursos e dinámicas concretas que favorecen as relacións entre o alumnado (lectura compartida, 1-2-4, folio xiratorio, lapis ao centro, xogo de palabras…).
Por outra banda, o Sistema de Apoio entre Iguais (SAI) é tamén unha excelente ferramenta no relativo á convivencia escolar, proporcionando estruturas de participación e autoxestión do alumnado: Acollida, Axuda, Mediación, Titoría ou Mentoría.
É necesario ter en conta que, aínda que introduzamos cambios na aula orientados a acadar un clima cooperativo e de participación, é probable que os resultados que buscamos non sexan visibles de xeito inmediato. Os cambios nos patróns relacionais e de dinámica de grupo requiren dun tempo de aprendizaxe, interiorización e xeneralización que debemos respectar e ter en conta.
Propostas para establecer un clima cooperativo e participativo dentro da aula:
- Autoavaliación docente: tipo de interacción que se mantén, linguaxe, expectativas
- Reaxustar
- Elaborar sociogramas
- Establecer espazos para a realización de dinámicas de cohesión grupal
- Traballar a través de aprendizaxe cooperativo
- Empregar o Sistema de Apoio entre Iguais