Sandra e Antonio, membros de Down Coruña, conseguen unha praza na administración autonómica tras aprobar as oposicións do Sergas

 

Todo esforzo ten a súa recompensa! E é que Sandra e Antonio, unha moza e un mozo membros de Down Coruña, acaban de alcanzar un importante fito a nivel profesional ao obter senllas prazas na administración pública tras un concurso-oposición do Servizo Galego de Saúde.

Ambos participaron no programa de Preparación de Oposicións de Down Coruña, deseñado para facilitar o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade intelectual.

O camiño cara ao emprego público non é fácil, pero o compromiso e a perseveranza destes dous opositores foron clave para o seu éxito. Sandra e Antonio demostraron que con esforzo, apoio e motivación pódense alcanzar grandes metas.

Por unha banda, Antonio presentouse ao proceso de Persoal de Servizos Xerais (PSX) o 4 de novembro de 2023, obtendo unha das prazas ofertadas dentro da cota reservada para persoas con discapacidade intelectual. Pola súa banda, Sandra logrou unha das prazas de celadora no exame do 4 de febreiro de 2024, consolidando o seu soño de formar parte do sistema sanitario público.

Ademais, outro participante do programa de Preparación de Oposicións de Down Coruña tamén aprobou o proceso de Persoal de Servizos Xerais, aínda que non obtivo praza ao quedar no posto 30, o que reflicte o alto nivel de preparación e competencia.

 

Un soño feito realidade

Para Sandra, este logro ten un significado especial. En 2021, nunha entrevista con La Voz de Galicia, confesaba: “Levo tres anos loitando por conseguir esta recompensa. Estou ilusionada e ansiosa por dar o mellor de min e sacar a praza para facerlle o mellor agasallo á miña familia, os meus amigos e os meus titores que confiaron en min”. Tres anos despois, o seu esforzo viuse recompensado.

Ambos xa presentaron toda a documentación necesaria para tomar posesión da súa praza e nos próximos días coñecerase o seu destino definitivo. Se nada cambia, Antonio traballará nun centro de saúde da Coruña, mentres que Sandra farao no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), xa que, a pesar de que hai un centro hospitalario máis próximo ao seu domicilio, optou por un hospital de maior volume e actividade.

 

A importancia do apoio e a preparación

O programa de Preparación de Oposicións de Down Coruña acompaña ás persoas participantes en cada paso do proceso, desde a xestión documental ata a motivación e preparación de exames. Baixo a responsabilidade de Laura Díaz Dacoba, bríndanse ferramentas clave para mellorar os hábitos de estudo e superar con éxito as probas.

Este novo logro reforza o compromiso das entidades Down coa inclusión laboral e impúlsanos a seguir traballando pola igualdade de oportunidades.

Desde Down Galicia queremos aproveitar para felicitar a Sandra e Antonio pola consecución desta meta e animar a todas as persoas que están a opositar a que o sigan tentando.

Ir o contido