Teima Down Ferrol conmemora o seu 30 aniversario cunha xornada sobre dereitos humanos

 

A pasada semana, con motivo dos 30 anos que a entidade cumpre neste 2024, a asociación Teima Down Ferrol organizou a xornada “O camiño dos Dereitos Humanos: presente, pasado e futuro”, na que abordaron durante dous días o camiño percorrido e os moitos retos que quedan por diante neste eido.

Foron unhas xornadas de participación comunitaria, que recordaron as tres décadas de traballo da entidade en favor da xustiza social e o seu traballo incansable a prol dos dereitos das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Pero o encontro non foi só un espazo para ver o camiño percorrido, senón tamén para proxectar o futuro con esperanza e determinación. Este evento incluíu reflexións profundas sobre temas como a liberdade, a importancia de pasar da queixa á mobilización activa ou a creación de redes comunitarias sólidas. Tamén se abordaron cuestións fundamentais como as emocións que leva consigo a loita polos dereitos ou desafíos cotiás como o acceso a un transporte público de calidade, que condiciona as oportunidades de moitas persoas.

Desde Down Galicia unímonos a Teima na súa reivindicación polos dereitos humanos, coincidindo en que só co compromiso colectivo poderemos seguir construíndo un futuro onde todas as persoas poidan vivir con dignidade e plenitude.

Ir o contido