Teima Down Ferrol e o Concello de Ferrol asinan un novo convenio de colaboración

Fotografía: Concello de Ferrol

 

Teima Down Ferrol e o Concello da cidade asinaron onte un convenio de colaboración entre ambas entidades para o desenvolvemento do programa “Participando. Inclusión na vida adulta” que a asociación leva a cabo.

Este acordo foi asinado no Salón de Recepcións do Pazo Municipal de Ferrol polo alcalde, Jorge Suárez; a concelleira de Benestar Social, Saínza Ruíz; e a presidenta de Teima Down Ferrol, Patricia Serantes.

A achega, que ascende aos 35.000€, irá destinada ao desenvolvemento deste programa, que apoia ás persoas usuarias da entidade a acadar unha vida máis autónoma e independente mediante a participación na súa comunidade.

Así, este convenio permitirá desenvolver os seguintes programas e actividades:

  • Apoios ao desprazamento autónomo
  • Emprego de recursos comunitarios
  • Autonomía doméstica
  • Xestión Económica
  • Habilidades Sociais e Comunicación
  • Promoción e apoio ao ocio inclusivo e normalizado
  • Habilidades básicas de lectoescritura e cálculo
  • Manexo das tecnoloxías de comunicación
  • Atención as familias
  • Actuacións en relación con envellecemento

O alcalde de Ferrol trasladou a súa admiración a Teima Down Ferrol por ser “un referente social no municipio” e destacou á entidade “como exemplo de esforzo e superación” dende hai case 25 anos.

A concelleira de Benestar Social quixo valorar “a necesidade de apoiar o traballo que desenvolven as asociacións e entidades de persoas con discapacidade, así como de coordinar accións para a mellora da calidade de vida, a autonomía e o acceso aos recursos deste colectivo”.

Patricia Serantes, pola súa banda, agradeceu ao Concello o apoio continuado ao traballo da entidade e, en definitiva, ás súas vidas, xa que “a xunta directiva de Teima está formada por pais e nais de persoas coa síndrome de Down”. A presidenta da entidade tamén quixo destacar o reto que supón o envellecemento das persoas do colectivo “porque xa empezan a chegar aos 60 anos e temos que tentar que os seus últimos anos de vida sexan iguais que os do resto de persoas”.

Ir o contido