Traballo financia programas para a promoción da autonomía persoal e de mantemento de Down Galicia

A consellería de Traballo e Benestar contribuíu ao financiamento do mantemento e das actividades do servizo para a promoción da autonomía persoal que desenvolveu Down Galicia ao longo do ano 2013. Mediante un convenio de colaboración entre o departamento autonómico e a Federación, foméntanse os programas especificamente orientados a favorecer a autonomía e integración socio laboral das persoas coa síndrome de Down, atendendo á experiencia, capital humano e medios para desenvolver esa atención dos que dispón Down Galicia. Así, o Servizo para a Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) organizado en diferentes áreas de atención, que comprenden a atención temperá, a área de educación, de formación e emprego, de vida adulta e independente e unha área transversal, está orientado a mellorar a autonomía das persoas con discapacidade intelectual, as súas condicións de vida e favorecer a súa inclusión plena. Entre os obxectivos máis destacados do SEPAP están os seguintes:

  • Proporcionar asesoramento e apoio ás familias, como un dos principais axentes activos no proceso de inclusión da persoa con discapacidade.
  • Desenvolver actuacións que permitan ás persoas con discapacidade acadar as máis altas cotas posibles de vida independente.
  • Colaborar cos recursos comunitarios de formación, nos que estean integrados os usuarios, co fin de que así rendabilicen ao máximo os procesos de ensinanza e aprendizaxe e acaden a súa integración laboral.
  • Promover a participación das persoas con discapacidade nas actividades de ocio e deporte normalizadas.
  • Desenvolver accións de formación ocupacional e laboral que posibiliten a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades e coñecementos que lle faciliten a súa integración laboral.
  • Garantir o dereito das persoas con discapacidade intelectual a expresar e vivir a súa sexualidade.
  • Favorecer a difusión de información axeitada e positiva acerca das persoas con discapacidade intelectual.
  • Promover proxectos de integración escolar, laboral, social, programas de saúde e todos aqueles que favorezan o desenvolvemento persoal e a plena inclusión das persoas coa síndrome de Down
Ir o contido