Tres mulleres de Xuntos acadan un posto de traballo en empresas da comarca de Pontevedra

 

Helga, Xiana e Verónica, tres mulleres que forman parte de Down Pontevedra Xuntos, veñen de incorporarse recentemente ao mundo laboral, no que comezaron a traballar nun supermercado, nunha gasolineira e nunha residencia de persoas maiores, respectivamente.

A súa discapacidade intelectual non lles impediu acadar un posto para o que estaban preparadas nin desempeñalo da mellor das maneiras. Ademais das súas capacidades, suman as súas ganas e a súa constancia nun mercado laboral habitualmente pouco optimista para as persoas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais.

Helga García, que comezou a traballar o pasado mes de xullo nun supermercado Froiz da cidade, afirma que está “moi contenta” e que lle “gustaría moitísimo quedar aquí”. As súas tarefas consisten en repoñer e colocar os estantes, así como a preparación dos pedidos online. Esta non é a primeira relación contractual de Helga con esta cadea de alimentación, xa que desde o ano 2009 traballou nas distintas campañas de Nadal da empresa, preparando as tradicionais cestas. En canto á súa adaptación ao posto, a moza afirma que “hai que acostumarse e unha vez que colles o ritmo todo vai ben”.

No caso de Xiana Moreira, este tampouco é o seu primeiro traballo, xa que leva consigo toda unha vida laboral chea de experiencias en sectores tan diversos como os da alimentación ou o cinema. Nestes momentos, tras un período de prácticas que comezou no verán, acaban de contratala de maneira indefinida na estación de servizo Repsol da ponte do Burgo, onde levará a cabo distintas tarefas como a reposición de produtos da tenda da gasolineira, a limpeza dos estantes e da pista onde botan gasolina os vehículos ou a propia repostaxe dos mesmos, entre outras. Xiana, que tamén se atopa preparando as oposicións de celadora do Sergas, asegura que “con esforzo e dedicación pode facerse todo”.

Verónica Rosales, pola súa banda, acaba de incorporarse á residencia de persoas maiores Ballesol de Poio, onde traballa como camareira de piso. Esta moza xa tiña experiencia no ámbito da alimentación e como persoal de almacén nun salón de peiteado, pero esta é a súa primeira vez nun posto destas características. Indica que lle gustan moito as súas tarefas, consistentes en facer as camas das persoas residentes da residencia, apoiar ás súas compañeiras á hora do almorzo e das comidas e levar as bandexas á cociña. Verónica está “moi contenta” e cre que as persoas maiores coas que comparte o día “tamén o están”.

 

Alta porcentaxe de inserción do programa de emprego de Xuntos

Os resultados acadados evidencian o bo funcionamento do programa de formación e emprego de Down Pontevedra Xuntos, xa que o 71% das súas persoas usuarias atópanse traballando en empresas ordinarias da súa contorna nestes momentos.

Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o servizo de Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.

Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un posto, contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que o traballador ou traballadora poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos seus compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de xeito positivo e natural.

O acceso en igualdade de condicións a un posto de traballo segue a ser un dos grandes retos das entidades que traballan a prol da inclusión laboral das persoas con discapacidade. A participación e a cada vez maior presenza das persoas con discapacidade intelectual nas empresas ordinarias contribúe de xeito eficaz a desterrar os tópicos que tradicionalmente se atribúen a este colectivo, resultando un xeito sumamente eficaz de inclusión social.

Ir o contido