Un mozo e unha moza de Down Lugo melloran as súas competencias laborais no Concello

 

Samuel Varela e Noelia Domínguez, un mozo e unha moza membros da asociación Down Lugo, veñen de rematar as súas prácticas formativas na casa do concello, onde puideron achegarse de primeira man ao traballo desempeñado no eido da administración.

Ambos están preparando as oposicións a ordenanza reservadas a persoas con discapacidade intelectual da Xunta de Galicia  e estas prácticas formativas, que se levan a cabo grazas a un convenio de colaboración entre a asociación Down Lugo e a administración local, permítenlles trasladar á práctica toda a teoría aprendida durante os meses de estudo.

Así, durante catro semanas traballaron cóbado con cóbado cos seus compañeiros e compañeiras manexando decretos, informes e propostas. Os dous coinciden en que os acolleron moi ben, que aprenderon moito e que é unha boa forma de saber como pode ser o futuro no caso de conseguir a praza nas oposicións que preparan.

As entidades Down contan cun programa de formación laboral para que as persoas usuarias poidan participar no mercado laboral ordinario. Sarai Lodeiro, técnica de emprego de Down Lugo, comenta que “é moi importante ese primeiro achegamento ao mundo da empresa ou da administración porque van collendo rutina de traballo e responsabilidade e porque melloran as habilidades sociais necesarias para lograr ou manter un posto de traballo”.

Ademais, este tipo de prácticas “son importantes para potenciar a súa autonomía, ademais do propio aprendizaxe formativo en si”, indica a técnica de emprego.

Desde o propio Concello afirman que a experiencia é moi enriquecedora. “Moitas veces deixámonos levar por estereotipos e cremos que non poden facer determinadas tarefas, pero estamos moi errados”, indica Ana González Abelleira, titular da área de cohesión social da administración local.

Ir o contido