Unha moza de Down Vigo comeza a traballar no sector da moda da man de Scalpers

 

Iris Curra, unha moza que forma parte do Servizo de Emprego con Apoio de Down Vigo, acaba de incorporarse ao equipo de traballo que a tenda Scalpers, marca de retail especializada en moda, ten na céntrica rúa Príncipe da cidade olívica.

Esta é a súa primeira experiencia laboral, un primeiro contrato que afronta con especial ilusión. Iris, que cursou o Programa ALIDA -formación superior inclusiva no perfil administrativo- xa realizara con anterioridade prácticas formativas en diferentes empresas, ás que sumará esta nova oportunidade no sector da moda, aumentando así a súa capacitación profesional.

Cun contrato inicial de seis meses, Iris cumpre un dos seus soños: “traballar en moda”. O seu posto consiste en realizar tarefas en dúas áreas da tenda: a propia superficie de vendas e o almacén. En tenda, encargarase da reposición e perfilado de produto. En almacén, o seu labor consistirá na recepción e colocación de mercadoría, así como na recepción de pedidos. Tras as primeiras semanas de traballo, Iris traslada que desta nova experiencia laboral gústalle “todo”, aínda que recoñece unha dificultade: “dáme un pouco de medo subir á escaleira no almacén”. Aínda así, afronta a tarefa con valentía porque, como indica, “quero superarme”.

Así como as tarefas son importantes, tamén o é o ambiente laboral, no que Iris se atopa especialmente cómoda. “Os meus compañeiros son moi simpáticos e súper bos comigo. Trátanme ben e axúdanme en todo. Sempre se preocupan por como estou”.

Pola súa banda, desde o equipo de Scalpers tamén valoran como positiva a incorporación de Iris, destacando que están “contentos” coa súa incorporación e esperan que estea “a gusto” nesta nova experiencia, na que, consideran, eles e elas tamén poderán aprender de Iris.

Resaltan que “ten moitas ganas e iniciativa para aprender”, que é “sempre atenta, amable e educada” e que “lle gusta traballar en equipo e o traballo cos compañeiros”.

A incorporación de Iris ao persoal de Scalpers conta con todos os elementos para converterse nunha experiencia de aprendizaxe laboral de éxito para todos: ganas, iniciativa e a mellor das actitudes por parte da traballadora e o resto do persoal, disposta a facilitar a súa inclusión no posto de traballo.

Desde Down Vigo agradecen a Scalpers a oportunidade para seguir sumando experiencias positivas de inclusión laboral no tecido empresarial vigués.

Ir o contido